- Tras a disolución do Organismo Autónomo, subróganse os postos de traballo do persoal laboral e funcionairo á RPT do Concello
- Haberá unha oferta de emprego público para cubrir a praza da xefatura deste novo Servizo
A Xunta de Goberno local vén de aprobar unha modificación da RPT do Organismo Autónomo do Pazo de Cultura que será sometida a votación en sesión plenaria o vindeiro luns 19 de outubro. Segundo explicou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, esta modificación implica a subrogación de catro postos de traballo que pasarían a formar parte da RTP do Concello. Trátase dos catro postos de persoal laboral e funcionario (un auxiliar administrativo, un técnico e dúas subalternas) mentres que o posto directivo extinguirá a relación contractual co Concello coa disolución do Organismo Autónomo.
Tras a disolución do Organismo Autónomo, o Concello creará un novo servizo de Infraestruturas Culturais para o que prevé a convocatoria dunha praza A1 de Administración especial para o posto de xefe ou xefa de Servizo.
A portavoz do Goberno volveu lembrar que “a extinción deste Organismo Autónomo responde a motivos puramente de optimización de recursos e a motivos de regulación administrativa, é dicir, o mesmo que se fixo no seu momento co Instituto Municipal de Deportes”
Anabel Gulías asegurou que desde o Concello “valoramos moi positivamente a actividade que se veu desenvolvendo desde o eido municipal de Cultura, tanto desde o Pazo como desde o propio Concello, e facemos esta reestruturación administrativa para optimizar uns recursos que van mellorar a xestión cultural, co mesmo nivel que se estivo facendo ata agora”.