Cáritas proxecta un gran centro asistencial en Joaquín Costa

  • Integraría un albergue, un centro de día e vivendas tuteladas e estaría ubicado no edificio de Joaquín Costa propiedade da Diócese de Santiago

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo esta mañá un encontro co director de Cáritas Diocésana de Santiago de Compostela, José Anuncio Mouriño Rañó, coa secretaria de Cáritas interparroquial de Pontevedra, Mariló Virel, e co arquitecto Mauro Lomba, para coñecer o novo proxecto que Cáritas quere establecer no centro da cidade. Trátase de acondicionar o edificio propiedade da Diócese de Santiago na rúa Joaquín Costa, por detrás do Hospital Provincial onde inicialmente estaba Proxecto Home, co obxecto de habilitar un albergue con 20 prazas para homes e 6 para mulleres, un centro de día no que tamén ofrecer formación e, nunha fase posterior, habilitar vivendas tuteladas destinadas á integración social das persoas usuarias. 

O proxecto segundo informaron Miguel Anxo Fernández Lores e José Anuncio Mouriño Rañó situaríase en torno aos 800.000 euros e daría servizo ás persoas con problemas de integración social tanto da cidade como da comarca de Pontevedra. O alcalde asegurou que “se trata dun proxecto ambicioso e interesante, que cubre todas as necesidades que pode ter unha persoa con problemas de integración social e daremoslle todo o apoio posible”. Neste sentido, tras esta primeira reunión o alcalde daralle traslado deste proxecto ao concelleiro responsable área de Benestar Social de cara a concretar a colaboración do Concello. Por último, Fernández Lores tamén lembrou que o Concello de Pontevedra ten activo un convenio con Cáritas que este ano, con motivo da crise sanitaria, se incrementou con respecto a anos anteriores.

Compartir publicación: