O programa Falamos recala no Campus para “mobilizar” o uso do galego

  • A iniciativa, posta en marcha polo Concello e pola UVigo, trata de fomentar a práctica da lingua galega, tras constatar que tan só o 18% do alumnado universitario é monolingüe en galego 
  • No programa de actividades destaca o voluntariado lingüístico, que porá en contacto persoas voluntarias que usan o galego con fluidez con persoas aprendentes que precisan ampliar o seu uso

A vindeira semana bota a andar o programa Falamos no Campus de Pontevedra coa fase informativa e de inscrición, para o que se instalarán dúas casetas informativas en varias facultades entre o martes 22 e o martes 29. O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, e o responsable da área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Fernando Ramallo, foron os encargados de explicar os principais obxectivos e actividades que se contemplan neste programa.

Segundo indicou Alberto Oubiña unha das principais finalidades é “reverter o proceso de socialización da lingua e de substitución do galego, lingua familiar, polo castelán como lingua de socialización”. Para isto, fixo fincapé en que o momento en que as persoas mozas chegan á universidade e inician unha nova etapa con cambios no seu modo de vida tamén pode levar parello un cambio no uso da lingua para o que o programa Falamos ofrece “contexto, actividades e espazos” específicos. 

As actividades deseñadas darán comezo no mes de outubro e terán unha sesión ao mes agás o voluntariado lingüístico que será semanal. Desde o equipo que leva traballando no deseño do programa desde o mes de novembro do pasado ano, deseñáronse as actividades para que se desenvolvan, en principio de xeito presencial, pero tamén contemplan unha versión online no caso de que sexa preciso activala. 

Así, están programados clubs de lectura, cursos de cociña, visionado comentado de filmes na Casa das Campás e a posta en marcha do voluntariado lingüístico, un proxecto que se leva realizando noutras universidades de Europa e do Estado español, como por exemplo en Catalunya, pero que en Galiza aínda non se chegara a poñer en marcha.

Voluntariado lingüístico

O voluntariado lingüístico consiste, segundo explicou Fernando Ramallo en “xuntar unha persoa que fala galego con fluidez e que o fala habitualmente cunha persoa aprendente que desexa mellorar o seu galego e mobilizalo para experimentar o seu día a día coa lingua galega”. 

Indicou que se barallan dous perfís de persoa aprendente. Un estaría composto por estudantes de Galiza que Fernando Ramallo denominou “neofalantes potenciais”, que  son persoas que teñen competencias en galego por telo estudado pero que non o usan habitualmente e, o segundo, correspondería a estudantes de fóra de Galiza que chegan ao Campus de Pontevedra e que están interesados e interesadas en vivir o seu día a día en galego. 

Para poñer en contacto as persoas voluntarias coas persoas aprendentes realizaranse sesións informativas por separado para coñecer os seus gustos e poder distribuír as parellas por afinidades. O obxectivo é que estas parellas se reúnan para falar unha hora á semana durante un período de polos menos 10 semanas. Ademais do estudantado e profesorado, tamén se contempla a posibilidade de incorporar a persoas de fóra do Campus a este proxecto.

Fernando Ramallo tamén falou da necesidade de poñer en marcha un programa como Falamos tras constatar, nun estudo do ano 2018, que tan só o 18% do alumnado do Campus de Pontevedra se identifica como monolingüe en galego fronte ao 64% que se declara monolingüe en castelán. “Aí temos un espazo relevante, amplo, e moi necesitado de traballo” asegurou. Tamén insistiu en que “a Universidade é un espazo de esperanza lingüística” e que “se debe traballar para mellorar a conciencia sobre a importancia de usar o galego”.

Calendario de presentacións

Martes 22: diante da facultades de Comunicación e Ciencias Sociais e de Belas Artes

Mércores 23: diante das facultades de Forestais e de Enfermaría 

Xoves 24: diante das facultades de Ciencias Sociais e de Fisioterapia, Ciencias do Deporte e Ciencias da Educación

Luns 28: diante da facultades de Forestais e Belas Artes

Martes 29: diante da Casa das Campás e da facultade de Fisioterapia, Ciencias do Deporte e Ciencias da Educación

Os postos informativos terán horario de 10h a 13h e de 16h a 19h todos os días e en todos os puntos. 

Tamén se poderá facer a inscrición e consultar as actividades na páxina web snl.pontevedra.gal/falamos

Compartir publicación: