Comeza a adaptación do centro médico de Ponte Sampaio

  • Trátase de crear dúas salas acristaladas e varias portas de acceso. O investimento é de 20.000 euros. O material xa está disponible polo que as obras poderán rematar a finais de semana.
  • Coa obra feita, o Sergas debe cumprir o compromiso de que retorne o médico ao consultorio.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o expediente de aprobación da obra de emerxencia para acondicionar o centro médico de Ponte Sampaio para adaptalo ás necesidades da Covid-19 e conseguir que retorne o médico ao seu posto de traballo, do que está ausente por orde do Sergas dende os primeiros momentos da pandemia. O compromiso do Concello foi a adaptación do actual consultorio aos requirimentos sanitarios, e o Sergas a que volva o médico á parroquia.

A obra realizarase polo procedemento de emerxencia, terá un custe de 20.000 euros e os traballos consistirán na instalación dunha nova porta exterior que facilite o fluxo de entrada e saída; a creación dunha sala de illamento respiratorio independente; a creación doutra sala de espera respiratoria independente da anterior; unha porta de acceso exterior á sala de illamento; unha porta de acceso interior dende a sala de espera respiratoria; e a colocación de timbres en ambas entradas.

Segundo explicou esta mañá a concelleira Carme da Silva, a obra comezará hoxe mesmo e a intención é que estea rematada nesta semana, porque se trata de instalar material de aluminio e cristal, mamparas que xa está subministrado.

Carme da Silva explicou que con esta pequena intervención o Sergas cumpra os compromisos e se incorpore, canto antes, o facultativo.

Compartir publicación: