Un total de 6.871 turistas pasaron polos puntos de información do Concello de Pontevedra ao longo do pasado mes de outubro. A Casa da Luz e a caseta da praza de España (nesta época do ano non funciona a caseta das estacións) atenderon a unha media diaria de 229 visitantes.
As cifras son moi superiores ás do mes de outubro de 2011, cando os rexistros municipais apuntan a 3.203 visitantes. Non obstante, durante o ano pasado, aínda non funcionaba o cubo acristalado da praza de España, que está a ter unha grande acollida dende a súa apertura.
Ademais, algo máis de 791 veciños da cidade de Pontevedra pasaron a recoller información sobre a programación cultural e musical ou a facer algún tipo de consulta relacionada con puntos para visitar da cidade ou arredores.
O turismo nacional segue a ser o principal visitante, con case un 88,72% da cota, mentres que o turismo internacional chega ao 11,28% do total.
Os principais turistas estranxeiros foron os procedentes de Portugal, con case un 26%, seguidos dos alemáns (21%) e os franceses (12%).
Dentro do turismo nacional, predominaron os procedentes de Andalucía cun 18%, seguidos dos madrileños cun 17%, Castela-León (12%) e valencianos (tamén un 12%).
Perfil
Case o 36% dos turistas que visitaron os puntos de información de Pontevedra estaban aloxados en Sanxenxo, ocupando o segundo lugar a zona do Salnés-Deza-Tabeirós cun 21%. O terceiro lugar foi para a propia cidade de Pontevedra, cun 12%.
O 93,70% dos turistas dixeron durmir en hoteis. O aloxamento en casas rurais foi, a moita distancia, a segunda opción, con só un 1,4%.
Os turistas de mais de 60 anos ocupan o primeiro co 43% do total. Os que tiñan idades comprendidas entre os 46 e os 60 anos foron un 37%. Os turistas de 31 a 45 anos aumentaron a súa prevalencia, dado que chegaron ao 15%.
Os turistas dos grupos que chegan en autocar foron un 63% do total. Case o 24% chegaron a bordo do seu propio automóbil. En avión viaxaron un 8,4%.
A maior parte dos visitantes do pasado mes de outubro fixérono motivados pola información recollida en guías de turismo, portais da Internet e recomendacións de familiares ou amigos. O clima e a paisaxe seguen a ser o máis valorado.
O 98% dos visitantes non coñecían aínda a cidade de Pontevedra. A maioría quedou agradablemente sorprendido polo Centro Histórico e a cidade e expresou a súa intención de volver.
A información demandada foi variada, pero destaca a relativa á propia cidade de Pontevedra (especialmente o Museo Provincial) e arredores, como Combarro, a zona do Salnés ou a cidade de Vigo. Tamén houbo un grande interese polo Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro.