- Elsa Dimande, técnico da Asociación Nacional de Municipios Mozambiqueños fala no Concello dos camiños escolares, itinerarios peonís seguros ou a participación dos nenos/as no deseño urbano
- O Salón do próximo ano, adicado á literatura infantil e xuvenilda lusofonia, quere contar con autoras/es do país
Elsa Dimande, técnico da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANMM) achegouse hoxe ao Concello de Pontevedra co obxectivo de coñecer polo miúdo distintos aspectos do modelo urbano que afectan de xeito directo aos nenos e nenas. Esta traballadora social está en Galicia da man do Fondo Galego de Cooperación.
Foi recibida pola concelleira de Benestar Social Municipal e membro da equipa directiva do Fondo Galego, Anxos Riveiro coa que falou sobre a filosofía que hai detrás do modelo Pontevedra e dos eixos que guiaron a transformación que fai da Boa Vila un referente no mundo.
De seguido, Elsa Dimande mantivo unha reunión técnica co director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato na que a mozambicana amosou especial interese en cuestións como os camiños escolares, a posta en marcha de itinerarios peonís seguros ou a participación dos nenos e nenas no deseño urbano. Experiencias todas elas que teñen que ver cunha formulación da mobilidade integral.
Por último, Elsa Dimande reuniuse coa concelleira de Cultura, Carme Fouces coa que falou da próxima edición do Salón do Libro que está adicada á literatura infantil e xuvenil da lusofonía. Neste eido concordaron na idoneidade da presenza de autores e autoras mozambicanos no Salón.
O traballo social con nenas e nenos, o urbanismo para o benestar da infancia e o orzamento participativo nestas materias, así coma o asociacionismo feminista, son os principais temas de interese de Elsa Dimande, os que a trouxo a Galiza co fin de coñecer experiencias de distintas administracións locais que podan inspirar actuacións en Maputo ou en outros lugares do seu país de orixe.
Elsa Dimande é a segunda representante africana interesada no modelo Pontevedra recibida no Concello. Meses atrás estivo aquí unha delegación de Angola.