Un aparcamento público reversíbel na parcela do campus pensada para o Edificio das Artes

  • A superficie será de xabre compactado e terá capacidade para arredor de 150 vehículos
  • A Universidade cederá o uso de dous pantaláns e un pañol con equipamento propio para actividade de ocio e tempo libre de nenos/as e da mocidade

O Concello habilitará un aparcamento de borde “reversíbel” na parcela do campus pensada para, polo de agora aparcado, Edificio das Artes (terreos de Tafisa). O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, informou hoxe do proxecto ao carón do novo vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto con que mantivera xusto antes unha xuntanza de traballo.

Gómez e Soto subliñaron a vontade da administración local e universitaria de apoiarse e traballar man a man en todos aqueles proxectos que contribúan a profundar na integración campus-cidade

O aparcamento reversíbel do campus terá capacidade para arredor de 150 vehículos sinalou o concelleiro Demetrio Gómez e “será de xabre compactado, nos de asfalto”. A elección da superficie do terreo non é casual pois, por unha banda o asfalto tería un maior impacto paixasístico na zona pero ademais o xabre “deixa as mans libres para chegado o momento construír o Edificio das Artes”.

Segundo avanzou o responsábel municipal de Obras e Mobilidade este novo aparcamento de borde, aberto a toda a cidadanía, estará operativo este mesmo verán.

O aparcamento é o primeiro proxecto do Concello presentado, e apoiado, polo novo equipo de goberno da Universidade de Vigo pero non o único. Tamén a Universidade pon enriba da mesa iniciativas para abrir o campus á cidade. O vicerreitor Jorge Soto trasladou ao concelleiro o propósito da Universidade de “activar o uso do río Lérez para o deporte e o lecer” coa instalación e posta a disposición dos nenos e nenas, e damocidade en xeral, de dous pantaláns e un pañol con equipamento deportivo propio, detrás da Facultade de Actividade Física e o Deporte.

Por outra banda a humanización e posta en valor do campus será outro eixo de traballo da Vicerreitoría de Pontevedra o que enmarca na potenciación de “Green campus”, un selo de calidade internacional que identifica ao campus da Xunqueira. Neste contexto, atópase a consolidación dun arboreto, que poña en valor as especies do campus ao longo dun percorrido peonil de 2.000 metros.

Achegar a investigación e a ciencia as familias e a todos os niveis educativos será tamén unha tarefa na que profundar dende a universidade e para elo traballará arreo co programa Pontenciencia do Concello, cuxos proxectos intentarán sacar a rúa na próxima edición.

Compartir publicación: