Cinco empresas optan ao contrato de actualización do padrón do IBI

  • A posta ao día feita no período 2012-2017 incrementou o censo en 3.339 inmobles
  • A actualización deixou 2,8 millóns nas arcas municipais (incluídos atrasos)
  • O padrón consolidado deixa un incremento recadatorio de 1,2 millóns de euros

Cinco empresas responderon ao concurso para a contratación do servizo de actualización das bases catastrais, segundo informou o portavoz do Goberno local, Raimundo González. As empresas que amosaron o seu interese polo contrato son: Información del Territorio SL; Códice, cartografía e deseño Lagares, Laya e Eibisa Norte.

O novo contrato dará continuidade ao traballo de posta ao día desenvolvido no período 2012-2017, que serviu para regularizar 3.339 inmobles, entre altas (1.849) e reformas e ampliacións (1.490).

“Este primeiro contrato ten tido efectos positivos para o Concello, tanto a nivel de altas como de equidade fiscal” apunto o portavoz do Goberno local e concelleiro de Economía e Facenda xa que a incorporación dos 3.339 inmobles, ao longo destes anos, supuxo o ingreso nas arcas municipais de arredor de 2,8 millóns de euros, incluídos os atrasos. Se falamos do “padrón consolidado” estamos antes un incremento de1.200.000 euros aproximadamente, “un crecemento moi importante, supón un 7-8% do padrón”.

O contrato para rexistrar as novas altas do padrón catastral sae concurso por 190.000 euros e terá unha duración de catro anos.

Ao contrario que a inspección e actualización do Catastro, que ten como obxectivo a regularización de galpóns, piscinas,..), a posta ao día do Concello non ten custe para o cidadán que só ten que aportar a documentación para regularizar a súa situación.

Compartir publicación: