Guimarães inspírase en Pontevedra, Vitoria e Estocolmo para ser Capital Verde Europea

O alcalde participa hoxe nunha conferencia internacional sobre boas prácticas ambientais urbanas en Guimarães, unha cidade preto de Braga que aspira a converterse en Capital Verde Europea e que ten unha longa relación con Pontevedra, a onde acudiron en varias ocasións para estudar o modelo urbano.

Xunto a Miguel Anxo Fernández Lores participan tamén representantes de Vitoria e Estocolmo (que falarán da súa experiencia como capitais verdes), así como técnicos das Universidades de África do Sul e do Minho. As sesións inclúen tamén unha visita a un centro local de investigación para a revalorización de residuos.

Lores falará do proceso pontevedrés, comezando pola reforma urbana, centrándose nas políticas de mobilidade, o resto das políticas, e rematará falando dos resultados que obtivo Pontevedra durante a súa transformación, tanto ambientais, como de seguridade, autoestima, revitalización urbana, actividade comercial ou mobilidade infantil. Os numerosos premios recibidos por este modelo sustentabel servirán como remate da súa intervención.

Compartir publicación: