O Concello de Pontevedra e o Ministerio de Fomento reunirán en breve a comisión de seguimento do convenio bilateral para abordar a posibilidade de asinar unha addenda que permita mellorar o tratamento en superficie do Nó do Pino. Así o anunciou esta mañá o concelleiro César Mosquera, tal e como se acordou na reunión mantida na Subdelegación do Goberno o pasado vernes.
Mosquera lembrou que ao Nó do Pino fáltalle unha segunda fase que sería o axardinamento. Tendo en conta as dúas administracións a situación económica actual, acordaron que tal vez non se pode acometer un proxecto de máximos ("podería costar uns 6 ou 7 millóns de euros", segundo Mosquera) ao axardinar noiros ou cambiar toda a iluminación, pero si se podería acometer un tratamento cun custe de un a dous millóns de euros.
Trátase da entrada á cidade polo sur; frecuentada diariamente por miles de vehículos e "merece un tratamento mellor", explicaba Mosquera quen asegurou que o Concello poderá participar economicamente ao 50% neste proxecto. Pero todos os detalles deste acordo aínda están por concretar.