Un grupo de 46 agregados militares das embaixadas acreditadas en España están de visita en Galicia para coñecer distintos centros castrenses máis relevantes. A cidade de Pontevedra foi escollida como base para a xira, tendo en conta a importancia da Brigada Lixeira Aerotransportable (Brilat) e da Escola Naval Militar de Marín.
Os agregados militares, acompañados dos seus cónxuxes chegaron onte pola tarde a Pontevedra e marcharán o próximo xoves. Onte mesmo organizaron un acto de chegada ao que invitaron á concelleira de Turismo, Carlota Román. A edil devolveu a invitación esta mañá ofrecendo senllas visitas guiadas para dous grupos polo Centro Histórico con guía bilingüe español-inglés.
Os diplomáticos, procedentes de 30 países acreditados en Madrid, visitarán tamén, ademais da Brilat e a Escola Naval, a sede da empresa Uro, en Santiago de Compostela, así como a Academia Básica de Suboficiais do Aire e o batallón da Unidade Militar de Emerxencias, ámbolos dous en León.
A xira está organizada polo Ministerio de Defensa, que todos os anos auspicia unha viaxe deste tipo. Desta volta elixiuse Galicia e o Noroeste español.