Anabel Gulías: “O campionato dálles unha escusa aos maiores para saír da casa, socializar e pasar un bo momento”
Ábrese hoxe o prazo de inscrición ata o 10 de decembro, para un evento cuxa primeira eliminatoria será o 11 de xaneiro de 2027
Os/as participantes medirán as súas habilidades no xogo, fortuna, e súa complicidade xa que os xogos da competición son por parellas: brisca, tute e escoba
Compartir o tempo con amizades e coñecer nova xente, pasalo ben e tamén rivalidade. Con estes vimbios tece a Concellería de Benestar Social– da man de Risotadas-Risoterapia o II Campionato de Cartas Cidade de Pontevedra, ao que están convidados a participar as veciñanzas de todas as parroquias, e tamén os barrios, da Boa Vila e, de xeito preferente, as persoas maiores de 60 anos.
Anabel Gulías, concelleira de Benestar Social, presentou hoxe o evento —con Mar García e Pablo Abelleira, de Risotadas, ao seu carón—, do que indicou “dálles unha escusa aos maiores para saír da casa, socializar e pasar un bo momento”
A primeira eliminatoria do campionato será o 11 de xaneiro de 2027. Ese día, os/as participantes medirán as súas habilidades no xogo, fortuna, e tamén complicidade xa que os xogos escollidos para competir son por parellas: brisca, tute e escoba. A gran final celebrarase no Pazo da Cultura, en data por determinar na primeira metade do vindeiro ano.
Ata ese día queda un longo percorrido organizativo que comeza hoxe co traslado de información ás distintas parroquias pontevedresas e a apertura do prazo de inscrición no certame, que se poderá facer, de xeito presencial, nos centros sociais de cada comunidade ou en liña, cubrindo o fornulario de apuntate.pontevedra.gal. A xente poderá anotarse ate o día 10 de decembro.
En función do número de parellas xogadoras e parroquias participantes, elaborarase o calendario (datas e lugares) das eliminatorias e cruzamentos, que será presentados nos distintos centros sociais entre os días 14 e 23 de decembro.
A primeira edición da competición, celebrada o pasado ano, sumara 139 xogadoras e xogadores, dunha ducia de parroquias e barrios da capital do Lérez: Bora, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Centro Sur, Mourente-Cons, Monte Porreiro, A Parda, Tomeza Salcedo, Cerponzóns e Canicouva. Dos participantes: 79 foron mulleres (o 56,8%) e 60 homes (43,1).
O II Campionato de Cartas Cidade de Pontevedra pretende contribuír a dinamizar a vida social das parroquias, estimular as relacións inter-personais, estreitar lazos de amizade e veciñanza e profundar no sentimento de pertenza á unha comunidade.