Pontevedra aborda o control social e a vida diaria durante o franquismo nas xornadas ‘A ditadura do cotián’

O Centro Social do Gorgullón acollerá os días 13 e 14 de novembro un encontro centrado nas pequenas resistencias e na supervivencia da poboación.

A fame como mecanismo de represión, o control dos corpos e a censura cultural protagonizarán o programa que ten xa abertas as inscricións en apuntate.pontevedra.gal

O Concello de Pontevedra organiza o 13 e 14 de novembro no Centro Social do Gorgullón unha nova edición das xornadas de memoria histórica, nesta ocasión baixo o título ‘A ditadura do cotián’

O programa afondará na etapa franquista desde unha perspectiva diferente, afastada dos grandes acontecementos políticos ou militares, para poñer o foco en como o réxime condicionaba a vida diaria da xente, as relacións persoais, a sexualidade ou a cultura.

Tal e como explicou a coordinadora, Montse Fajardo, “a intención principal era non falar das grandes resistencias da guerrilla, dos movementos políticos ou dos movementos sindicais, senón falar un pouco da vida do cotián das familias, da fame, que foi unha importantísima ferramenta de control. Tamén sobre o tema da caridade cristiana, do social e como como para conseguir determinada beneficencia había que pasar polo aro de moitas esixencias do réxime nun contexto no que a ditadura se metía na casa e mesmo na cama das persoas”.

O programa botará a andar o venres 13 de novembro ás 16:45 h coa inauguración a cargo de Demetrio González, concelleiro de Memoria Histórica.  A continuación, o historiador Lucio Martínez Pereda ofrecerá a charla inaugural arredor da fame como ferramenta de control social, política e económica durante a posguerra.

A tarde do venres completaráse coas intervencións de Xosé Álvarez Castro, quen abordará as resistencias e estratexias de supervivencia no ámbito local e de Natalia Jorge Pereira, quen analizará o papel das mulleres no estraperlo e no contrabando na raia

O sábado 14 de novembro, “con formato debate, máis pensado para compartir e intercambiar, estará centrada nos mecanismos institucionais creados para vixiar a intimidade, os corpos e a creación cultural. O que supuxo para celebracións improvisadas e manifestacións populares como o entroido, amais do teatro.

Ás 10:00 h celebraráse unha mesa redonda sobre o control da sexualidade e a disidencia sexual con Tamara López, Daniela Ferrández e Cándido Pazó e ás 11:15 h, analizarase a censura cultural e teatral nun debate no que participarán Cándido Pazó, Beatriz Busto, Xosé M. Dasilva e Pepe Álvarez

O peche das xornadas terá un carácter artístico coa proposta poética As resistentes da cáscara amarga, a cargo da poeta Olga Novo (Premio Nacional de Poesía 2020) e do arqueólogo Xurxo Ayán Malia que a entrada é gratuíta, a organización lembra que o recinto conta cunha capacidade limitada (unhas 75-80 prazas), polo que é preciso realizar unha inscrición previa no formulario habilitado na web municipal apuntate.pontevedra.gal

Compartir publicación: