A redacción do proxecto conta cun orzamento de 93.929,55 euros e catro meses de prazo, previa a unha obra estimada en máis de tres millóns de euros para resolver os problemas de seguridade e illamento do complexo.
O Concello de Pontevedra aprobou esta mañá na Xunta de Goberno Local o inicio do expediente de contratación para redactar os proxectos básico e de execución destinados á rehabilitación estrutural e enerxética da envolvente exterior do complexo do Pazo da Cultura, que comprende o Auditorio, a Sala de Exposicións e o Recinto Feiral. A contratación da redacción ten un orzamento de 93.929,55 euros e un prazo de entrega de catro meses, mentres que a estimación económica para a execución das obras posteriores se sitúa arredor dos tres millóns de euros.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou que se trata duna intervención “de obrigatoria execución” debido ao desgaste acumulado no inmoble, cuxa construción se iniciou en 1993 baixo o deseño do arquitecto Manuel de las Casas e que foi inaugurado entre 1997 e 1998. O rexedor explicou que a localización do conxunto, de 10.000 metros cadrados, xunto ao río e á ría xerou corrosión que oxidou os elementos metálicos que manteñen subxectas as lousas da fachada.
Esta actuación dá continuidade ás medidas de emerxencia executadas en 2025 polo Concello tras rexistrarse o desprendemento puntual de lousas de pedra e a fractura de vidros no lucernario de entrada ao Auditorio. Aquela intervención supuxo un custo de 384.992,04 euros para instalar unha malla de protección perimetral de tripla torsión e evitar riscos á cidadanía. A análise técnica realizada constatou o deterioro estrutural das ancoraxes metálicas e da pedra, afectando a máis de 6.200 metros cadrados de fachadas e a preto de 1.900 metros cadrados de superficies de vidro e carpintarías.
O novo proxecto contempla a retirada das proteccións temporais e a desmontaxe integral da fachada actual de lousa e dos cerramentos vidrados en todo o recinto. No seu lugar, instalarase unha nova envolvente con illamento térmico e acústico, novas carpintarías exteriores con rotura de ponte térmica, a substitución do lucernario do Auditorio por unha solución estanca e illante, a impermeabilización de terrazas para eliminar filtracións e a renovación exterior da rede de pluviais mediante novos canlóns e baixantes que xa non discorrerán polo interior dos edificios.
Respecto ao acabado final, Fernández Lores aclarou que dende o goberno municipal non se parte de “ningunha idea preconcebida” e que a solución estética dependerá da proposta técnica que presente a empresa adxudicataria. O alcalde sinalou ademais que certas solucións construtivas orixinais do complexo, como as terrazas, non resultaron axeitadas para a climatoloxía local, confiando en que o novo proxecto garanta un resultado duradeiro e adaptado ás necesidades actuais.