O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, salienta que o proxecto supón “un antes e un despois” para o barrio, cun investimento de máis de 6 millóns de euros entre todas as administracións
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha achega do 60% do seu custe
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, achegouse até Monte Porreiro este martes, 20 de outubro, a comprobar os avances no proxecto de transformación urbana e deportiva do barrio, unha actuación que cualificou como un “salto de calidade” necesario para toda esta zona.
A obra contempla a construción dunha instalación deportiva de primeiro nivel sobre a que se situará unha praza pública de máis de 5.000 m², destinada a converterse no maior espazo de centralidade e esparexemento do núcleo residencial. O complexo disporá de zonas verdes, áreas deportivas ao aire libre e accesos peonís dende as rúas Bélxica e Alemaña.
Un dos elementos máis salientables do deseño é a integración de placas solares, aproveitando a parte inferior para instalar unha pérgola de arredor de 800 m². Este espazo cuberto permitirá a realización d eactividades deportivas e comunitarias resgardadas tanto da chuvia como do calor intenso.
O rexedor detallou a distribución dos fondos públicos destinados a este proxecto, con aproximadamente medio millón de euros desde o Concello de Pontevedra, 3,7 millóns de euros dos fondos de EDIL (Goberno do Estado) e 2 millóns de euros desde a Xunta de Galiza.
O deseño do proxecto foi elaborado por un equipo de arquitectos de Pontevedra, Uña + Amandi arquitectos, mentres que a execución das obras corre a cargo da empresa Ramírez. Ambas as dúas partes contan coa confianza plena do Concello tras asumir con éxito a reforma da antiga casa consistorial.
Segundo indicou Fernández Lores, os traballos avanza a un ritmo razoábel e a previsión oficial é que a obra estea completamente rematada no primeiro semestre de 2028.Fondos EDIL
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), integrado no Programa Plurirexional de España (POPE) para o período 2021-2027. Trátase de axudas enmarcadas na Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL).
A axuda europea destínase a facer realidade o Plan de Actuación Integrado (PAI) “RAIL Pontevedra” (Reconexión, Accesibilidade Integral e Mellora Ambiental de Pontevedra Leste). Este Plan conta cun orzamento cofinanciado de 14.550.506 euros, dos cales o 60% corresponde á axuda europea FEDER (8.730.304 euros) e o 40% restante son achegados polo Concello de Pontevedra (5.820.202 euros).
Ademais, o Concello de Pontevedra asume o compromiso de achegar o resto de fondos propios para garantir que o investimento total acade a ambiciosa cifra orixinal de 20.000.000 euros en catro proxectos clave: a dotación deportiva e de espazos públicos en “Monte porreiro Revive”; a xestión de inundacións en “Adapta e conecta A Seca – Valdecorvos”; o parque de “A Parda verde”; e a modernización de e-servizos con “Pontevedra SmartCity”.