Acordo entre o Goberno Local e o PSOE para abordar a renovación estrutural do campo de xogo do estadio de Pasarón 

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, confirma o acordo para financiar a obra, e avanza que están en marcha a redacción dos pregos de licitación tras constatar que as actuacións parciais non resolven o problema.

O portavoz socialista, Iván Puentes, acusa ao PP de exercer “unha actitude obstrucionista” para atrasar unha actuación que o Pleno acordou en marzo deste ano: “Non teriamos un atraso de 8 meses se non estivesemos sometidos ao escapismo da Xunta e aos constantes regateos de feira de Rafa Domínguez” 

O Goberno Local e o grupo municipal do Partido Socialista acadaron un acordo político para garantir a consignación económica que requira a renovación estrutural do campo de xogo do estadio municipal de Pasarón. Así o fixeron público esta mañá a concelleira de Deportes, Anabel Gulías e o portavoz socialista, Iván Puentes, que aseguraron que o Concello nunca deixará tirado a Pasarón e a súa afección.

Portavoz do PSOE, Iván Puentes

O portavoz do PSOE acusou ao PP de exercer “unha actitude obstrucionista” para atrasar unha actuación que o Pleno acordou por unanimidade en marzo deste ano, asegurando que “isto podería estar iniciado hai 8 meses se non estivesemos sometidos á negativa da Xunta de Galicia e aos constantes regateos de feira de Rafa Domínguez, xogando politicamente co terreo de Pasarón en vez de asumir a súa responsabilidade”. “Estamos case no mes de novembro -lamentou Iván Puentes-, xa cunha nova tempada iniciada, e aínda non temos en marcha os proxectos e traballos que nos deberían levar á construción do novo terreo de xogo de Pasarón. Domínguez xogou cun cálculo electoral clarísimo e non desbloqueou ata agora, ás portas dunhas eleccións municipais, unha parte dos cartos que lle corresponderían. A situación podería estar xa encauzada se Deputación e Xunta tivesen posto enriba da mesa os cartos que lles corresponden. A Xunta cando menos foi coherente desde un primeiro momento: dixo que non ía poñer un peso”.

Ao tempo que avanzou “toda a colaboración do PSOE para axilizar os traballos” e celebrou que finalmente “vai haber cartos” e que “entre todos e todas poderemos resolver este problema que xa está sendo alarmante para o normal desenvolvemento da competición”, Puentes considera que “habería que preguntarlle a Rafa Domínguez se tiña ou non a intención maquiavélica de atrasar o anuncio da aportación da Deputación por un cálculo electoral”. “Non me chamedes adiviño, pero eu non garantiría o voto a favor de Rafa Domínguez e do PP a favor da reforma do terreo de xogo de Pasarón, porque xa sabemos que vota unha cousa en Montero Ríos e outra cousa na Praza de España”, afirmou.

Tal e como lembrou, “este asunto chegou ao Pleno da Corporación en marzo deste ano a través dunha moción presentada polo PSOE, pedindo que a Deputación, como responsable da desfeita que no seu momento se fixo co terreo de xogo de Pasarón, asumise o custe da reparación”. Unha proposta na que, a pesar de non ter ningún deber moral e en aras de amosar boa vontade para resolver o problema, tanto socialistas como nacionalistas aceptaron incluír que o Concello asumise un terzo do investimento desta obra, esixíndolle á Xunta que se fixera cargo doutro terzo e á Deputación do terzo restante”. 

“Con isto, os tres partidos políticos puxémonos de acordo, votamos a favor desa moción e a proposta foi aprobada por unanimidade. A partir deste acordo, a folla de ruta de cada administración quedou meridianamente clara: o Concello cumpriu coa súa parte de xeito escrupuloso e incluso máis aló; a Xunta de Galicia fixo escapismo desde o primeiro momento e o mesmo PP que aquí votou a favor, no Parlamento autonómico dixo que non ía poñer un euro en Pasarón (unha negativa a investir que reiterou o conselleiro de Deportes nunha recente reunión co alcalde); e Rafa Domínguez -sinalou Puentes- someteunos ao Pontevedra CF, aos afeccionados e ao Concello a un regateo máis propio dunha feira que dunha negociación entre institucións públicas”.

Así, tras aquel acordo plenario, o vicepresidente provincial anunciou “de repente” que ía investir “menos dunha décima parte do custe da reforma total do terreo de xogo (uns 160.000 euros), pouco tempo despois que asumiría a metade do que lle correspondería á Xunta, “e chegamos a día de hoxe, pasados 9 meses do acordo, a unha oferta de 845.000 euros por parte da Deputación de Pontevedra (que sumados aos 563.000 € xa consignados polo Concello nos orzamentos a través dunha partida introducida polos socialistas, estarían xa preto dos 1,7 millóns que custaría a intervención)”. 

Este acordo para renovar o céspede de Pasarón súmase a outros acadados polo PSOE co Goberno Local para introducir diversas mellores no Estadio Municipal: 75.000 euros para a substitución do céspede do campo de fútbol de Pasarón (2ª modificación de crédito); 100.000 euros para a adquisición e instalación de dous videomarcadores e 35.000 para o novo sistema de megafonía (4ª modificación de crédito) e os 563.000 inicialmente consignados á reforma do terreo de xogo (5ª modificación orzamentaria). Con excepción desta última incorporación económica, o PP de Rafa Domínguez votou no Pleno da Corporación en contra de todos eles.

Concelleira de Deportes, Anabel Gulías

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías sinalou que: «hai un acordo para comprometernos a consignar os recursos que sexan necesarios para arranxar o terreo de xogo de Pasarón». A edil quixo recoñecer tamén a actitude propositiva da formación socialista ao sinalar que «se ben é certo que temos algunha diferenza de criterio ou de enfoque, sempre puxemos por diante que o verdadeiramente importante era arranxar o problema do campo».

A concelleira repasou os antecedentes das intervencións municipais nesta instalación. Segundo explicou Gulías, «en 2023 a achega deste Concello para asumir o 50% do arranxo do céspede de Pasarón foi de 75.000 euros, cartos consignados e executados; pero a medida que avanzaban as tempadas viuse que o problema era máis complexo que parchear partes do terreo de xogo».

Ante a insuficiencia dos arranxos puntuais, a Concellería de Deportes promoveu un exame técnico especializado para coñecer a orixe exacta dos deterioros antes de realizar novos anuncios de investimento. «Encargamos unha auditoría técnica para saber que lle pasaba a Pasarón e esa auditoría amosou que o problema é estrutural e que hai varias solucións enriba da mesa: volver a parchear ou arranxalo de maneira definitiva», afirmou Anabel Gulías.

Tras dispoñer do diagnóstico, o Concello mantivo contactos coa Deputación de Pontevedra e requiriu a participación da administración autonómica. A este respecto, Gulías lamentou o rexeitamento da Xunta de Galicia a colaborar no financiamento do estadio. «O señor conselleiro díxonos que para Pasarón non, mentres en Ferrol, curiosamente, si; e paréceme que lavarlle a cara á Xunta tampouco é unha actitude demasiado produtiva para a veciñanza».

No relativo ao papel do goberno provincial, a concelleira explicou que o Concello optara por manter a discreción ata o momento fronte ás manifestacións dos seus dirixentes, aínda que criticou a falta de rigor dos seus anuncios. En palabras de Gulías: «Ese goberno local permanece calado ou impasible a certas declaracións por parte do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, incluso por parte do presidente, que deixan bastante que desexar e que, na miña opinión, o que desvelan é o único interese electoralista que teñen con Pasarón».

A responsable de Deportes contrapuxo a cautela municipal cos sucesivos cambios de postura do organismo provincial, cuestionando que se fagan anuncios económicos sen contar cun proxecto de obra definitivo nin coñecer o custo real da intervención. Respecto ao último compromiso manifestado pola Deputación de achegar 845.000 euros, a edil amosou o seu escepticismo: «moi boa vontade por parte da Deputación, moi agradecidas, pero quero ver se hai a mesma vontade cando falemos de cifras reais». Non obstante, concluíu lembrando a orixe histórica da instalación ao sinalar que «se temos axuda da Deputación, magnífico, son responsables desa obra».

Na actualidade, os servizos municipais xa se atopan traballando na redacción do prego administrativo para sacar a concurso público a redacción do proxecto de obra. Para rematar, a concelleira quixo ser cauta respecto á complexidade técnica e aos prazos do proceso. «Falar dunha reforma estrutural de Pasarón significa cartos, tempo e molestias; que a ninguén se lle ocorra pensar que se vai arranxar nun par de semanas. Cando tes un problema estrutural sabes que a obra vai ser cara, lenta e dolorosa».

A edil concluíu asegurando que a prioridade municipal será facer toda a tramitación coa maior celeridade posíbel e adiantar os fondos orzamentarios necesarios para dar unha solución definitiva á instalación, ao club e á afección.

Compartir publicación: