O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Deputación, Luís López, visitaron os traballos de mellora da iluminación pública que se están a desenvolver estes días na praza do Hospital.
A actuación supón a substitución de 2.300 luminarias por tecnoloxía LED e a reparación de farolas e columnas en toda a cidade compacta.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, realizou unha visita de obra ás actuacións de renovación da iluminación pública na contorna da praza do Hospital, incluída dentro do proxecto de renovación da iluminación da zona norte-leste da cidade. O rexedor municipal destacou o bo ritmo de desenvolvemento dos traballos, que xa superan o 50 % de execución.
O alcalde puxo de manifesto que este proxecto responde a unha clara “decisión política” encamiñada á loita contra o cambio climático, á redución do gasto en enerxía eléctrica e á mellora da calidade do servizo. Segundo explicou, a mellora constante na eficiencia dos equipos LED permitirá que este contrato concretamente consiga unha redución do consumo eléctrico superior ao 70 %.
“En conxunto con todo o que levamos feito xa desde hai uns anos, báixase máis do 60 % – 65 % do consumo enerxético municipal e déixase de producir contaminación coa conseguinte diminución de CO₂”, subliñou Fernández Lores.
O rexedor detallou que a obra, adxudicada por 2,2 millóns de euros, abrangue o cambio de 2.300 luminarias e inclúe tamén a reparación ou substitución dos soportes e báculos. Nestes momentos, o proxecto xa ten executado máis da metade do cambio de luminarias e das columnas arranxadas, quedando pendentes unicamente arredor de 100 columnas por sanear.
Así mesmo, Fernández Lores avanzou que o Concello atópase xa na fase final para completar a transición LED en todo o concello, restando pendentes só o centro histórico e partes das parroquias de Salcedo e Tomeza.
Pola súa banda, presidente da Deputación, Luís López, valou positivamente o avance dos traballos e destacou a “lealdade institucional” e a habitual colaboración entre ambas administracións para levar a cabo proxectos estratéxicos para a cidadanía.
Esta actuación conta co financiamento do convenio da Deputación de Pontevedra, executándose con cargo aos fondos provinciais que lle corresponden ao Concello de Pontevedra.