Arranca o proceso de creación da 4ª canción de ‘Memoria de Elefanta’ para conectar á mocidade de Pontevedra coa memoria histórica

O obxectivo do programa, que nesta edición leva por lema ‘Con Franco non se vivía mellor’ é facer reflexionar a mocidade sobre memoria histórica a través destes obradoiros creativos colectivos que combinan composición musical e escrita.

Os 16 mozos e mozas inscritos participaron onte nun roteiro pola cidade e esta mañá traballaron xa en Estudo Bonobo.

Será un total de 4 sesións que culminarán coa presentación do resultado final da canción e o correspondente videoclip.

O programa municipal de memoria histórica Memoria de Elefanta, impulsado polo Concello de Pontevedra en colaboración con Artecalavera e Estudo Bonobo, iniciou estes días o proceso de creación da que será a súa cuarta canción colectiva.

A primera das actividades do grupo de 16 mozos de mozas de ESO e Bacharelato de diversos IES da Cidade, foi a asistencia onte a un roteiro pola cidade, centrado na temática desta edición, ‘Con Franco non se vivía mellor’, que busca rebater bulos do franquismo.

Logo deste primero contacto coa memoria histórica, na mañá de hoxe tivo lugar a primeira sesión dentro de Estudo Bonobo. Os rapaces e rapazas participantes tiveron a oportunidade de experimentar de primeira man cos instrumentos musicais, mesas de gravación e equipos técnicos. Esta sesión serviu para avaliar que rol e tarefas encaixan mellor con cada un dos asistentes, tomando como referencia as preferencias e habilidades que cubriran previamente no formulario de inscrición. Ademais da parte técnica e instrumental, o grupo avanzou xa na parte creativa coa elaboración dun primeiro borrador da letra.

O ao longo de catro xornadas de traballo colectivo, programadas entre outubro e novembro de 2026, o alumnado aprenderá diferentes cuestións do proceso musical e creativo, ao tempo que reflexiona sobre a memoria histórica, dando lugar a unha nova canción e o seu videoclip.

Coa publicación final desta nova composición, o proxecto consolidará a traxectoria iniciada nas tres edicións anteriores, poñendo en valor o talento da mocidade pontevedresa baixo a premisa de que “a música fai memoria”.

Poden verse as cancións e videoclips da 1ª, 2ª e 3ª edición nestas ligazóns:

1ª edición
https://youtu.be/Iikm1K8kUIM?feature=shared
2ª edición
https://youtu.be/8SageJ4QmJE?si=OIwNceBt-7bmIian
3ª edición
https://youtu.be/Z0ae-AmsPyI?si=XTVrjdauDWfKubNn

Roteiro Memoria Elefanta

Compartir publicación: