O Concello inviste máis de 295.000 euros en dous proxectos de abastecemento, servizos e mellora viaria en Lérez

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou esta mañá as obras executadas nos lugares da Cendona e do Outeiro, que resolven demandas históricas da veciñanza 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou esta mañá as actuacións de mellora que se están a desenvolver na parroquia de Lérez, concretamente nos lugares da Cendona e do Outeiro. Un conxunto de obras que suman un investimento superior aos 295.000 euros e que permiten dotar de servizos básicos e mellorar a seguridade viaria en ambas as zonas.

No lugar da Cendona, os traballos consisten en completar a rede de auga potable ao longo da estrada N-550 mediante a instalación de 309 metros de nova rede de abastecemento. Esta intervención dá cobertura directa a 18 inmobles (de uso residencial, comercial e industrial) que carecían deste servizo.

No lugar da Cendona, os traballos consistiron en completar a rede de auga potable ao longo da estrada N-550 mediante a instalación de 309 metros de nova rede, dando cobertura a 18 inmobles e deixando o trazado preparado para futuras conexións na contorna de Pontecabras.

Esta actuación, cun orzamento de 40.000 euros, puido executarse tras recibir o Concello a titularidade da vía por parte do Ministerio. A respecto deste fito, o rexedor valorou a eficiencia da intervención: “É incríble que se poida facer con 40.000 euros tantas cousas”.

Solución aos asolagamentos e servizos no Outeiro

No lugar do Outeiro, levouse a cabo un proxecto de canalización de augas pluviais, mellora de servizos e pavimentación nunha pista de 600 metros de lonxitude que conecta a estrada PO-223 co cemiterio. A actuación, adxudicada á empresa E.C. Casas por 255.992 euros resolve os problemas históricos de asolagamento invernal ao desviar o fluxo das pluviais cara a un regato.

O proxecto inclúe tamén a ampliación do ancho da vía con sobreanchos, o retranqueo dun muro de sostemento que se atopaba en mal estado ao final da pista, novas acometidas de abastecemento a algunhas vivendas, e o asfaltado completo da vía. Deste xeito, dáse resposta a unha solicitude histórica da Asociación de Veciños San Bieito de Lérez.

Sobre estes traballos no Outeiro, Fernández Lores salientou que a intervención supón “un antes e un despois na calidade de vida e nos servizos” dos veciños. De feito, o rexedor quixo agradecer de xeito específico a colaboración dos veciños da zona, que cederon terreos e permitiron o paso das canalizacións polas súas propiedade privadas para facer posíbel a obra.

Compartir publicación: