O novo sistema móbil recollerá as cinco fraccións para vivendas en oito localizacións e permitirá retirar os contedores fixos das rúas.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Servizos Urbanos Básicos Xaquín Moreda deron a coñecer hoxe o novo dispositivo xunto a representantes da concesionaria PreZero nunha das localizacións da zona monumental: a praza de Santa María.
A avenida de Santa María acolleu hoxe a presentación das novas illas emerxentes de recollida de residuos que entrarán en funcionamento o vindeiro luns, 5 de outubro, na zona monumental. No acto participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, xunto a representantes da empresa concesionaria PreZero. Este novo sistema móbil de recollida de uso domiciliario forma parte da implantación do novo contrato municipal de residuos e comeza a despregarse tras o período estival e o remate da Gran final das series mundiais de tríatlon.
O dispositivo funcionará diariamente, de luns a domingo, en oito localizacións fixas. Dúas cabezas tractoras operadas por persoal de PreZero encargaranse de instalar e retirar de xeito progresivo as illas, que permanecerán catro horas ao día en cada punto nun abano entre as 18:00 e as 00:00 horas. A entrada en servizo destas estruturas móbiles permitirá retirar o domingo pola noite arredor de vinte contedores fixos instalados nas rúas da zona vella, mellorando a limpeza e a imaxe do espazo público. Cada illa dispón de espazo reservado para as cinco fraccións: biorresiduos, envases lixeiros, papel e cartón, vidro e resto. Este servizo para vivendas particulares complementa a recollida porta a porta que xa se realiza para a hostalaría e o comercio.
As oito illas emerxentes distribuiranse todos os días en catro quendas horarias:
- Quenda 1 (18:00 h a 22:00 h): Rúa García Escudero (preto da praza de Celso García de la Riega) e rúa César Boente (entrada á praza da Pedreira).
- Quenda 2 (18:30 h a 22:45 h): Travesía de Aduana (esquina coa rúa Pasantería) e rúa Sarmiento, 47 (próxima á praza da Leña).
- Quenda 3 (19:00 h a 23:30 h): Travesía das Ánimas (esquina coa rúa Real) e avenida de Santa María (esquina coa rúa Alta).
- Quenda 4 (19:30 h a 00:00 h): Rúa do Barón (fronte ao Parador de Turismo) e rúa San Martiño (entre os números 5 e 9).
Miguel Anxo Fernández Lores fixo fincapé na importancia do compromiso veciñal para consolidar o modelo ambiental da cidade: “teño confianza na cidadanía de Pontevedra que sempre colaborou dunha maneira activa, e quero facer un chamamento á responsabilidade de todos os produtores de residuos porque cando os separamos obtemos un recurso aproveitable, mentres que ao poñelos mesturados xeramos un problema gordo no medio ambiente”. O alcalde engadiu que a iniciativa sitúa o concello “na vangarda da recuperación e tratamento de residuos municipais” e lembrou que “a lexislación estatal e europea é moi clara sobre a obriga de separar e recuperar o lixo, polo que dende o Concello poñemos tódolos medios para facilitar o cumprimento da normativa”.
Para dar a coñecer os detalles do servizo, distribuiranse 2.000 trípticos e 500 carteis entre as vivendas e os portais do casco antigo. Toda a información sobre itinerarios e horarios atópase dispoñible na web residuos.pontevedra.gal. Así mesmo, os contedores situados no anel perimetral do centro histórico manteranse para o uso das vivendas máis próximas, e a veciñanza dispón do Punto Limpo Móbil e do servizo de recollida de voluminosos a domicilio previo aviso no teléfono 986 85 02 25.