As representacións terán lugar con pase único os domingos 25 de outubro, 8 e 15 de novembro.
Dúas compañías galegas e unha chegada de Salamanca serás as responsables de facer gozar á cativada con pezas de humor xestual, musical e teatro de monicreques.
As entradas a un prezo de 4€ e abonos a un prezo de 9€ + gastos xa están á venda en Ataquilla.com
O espectáculo ‘Bichitos’ contará cun pase matinal o luns 26 de outubro, concertado previamente con centros escolares de primaria do municipio
O ciclo de teatro infantil e familiar Domingos do Principal regresa cunha nova edición que se celebrará entre o 25 de outubro e o 15 de novembro. Nesta ocasión, por mor do cambio de localización desde o Teatro Principal ao Auditorio do Pazo da Cultura, todas as funcións terán un pase único ás 18:30 horas.
Durante a presentación celebrada esta mañá, o edil de Cultura destacou que o obxectivo desta edición é “traer un programa que fose variado, que servise para todas as idades e que chegase a todos os nenos e nenas de Pontevedra”. Así mesmo, puxo en valor a exixencia e nivel das obras seleccionadas: “Na programación de Domingos do Principal interésanos que sexa teatro de moitísima calidade. Cando se crea para estes públicos hai que adaptalo a un público moi concreto, polo que as pezas adoitan estar moito máis traballadas e pensadas”.
A carteleira deste ano reúne tres espectáculos a cargo duna compañía procedente de Salamanca e dúas compañías galegas. Amais, o primeiro dos espectáculos, contará cun pase matinal o luns 26 de outubro, concertado con escolares de primaria.
Xa están á venda en Ataquilla.com as entradas para cada un dos espectáculos a un prezo de 4€ e tamén o formato abono a un prezo de 9€. A venda de abonos é exclusiva en liña. As entradas contarán con venda física na billeteira do auditorio 1h antes de cada pase de non esgotarse na venda anticipada. É preciso que todas as persoas asistentes conten cunha entrada independentemente da súa idade
Domingo 25 de outubro ás 18.30h –Bichitos – Spasmo Teatro (Salamanca)
“Bichitos” é un espectáculo de humor xestual para toda a familia no que, en formato de documental teatral, coñeceremos mellor e aprenderemos a respectar e valorar os nosos pequenos veciños invertebrados. Unha obra de teatro que sorprende pola súa cor e polo seu ritmo e que, ademais, ensina ás crianzas a importancia de coidar o medio ambiente.
Teatro xestual. Público familiar a partir dos 5 anos. Duración 60 min.
Domingo 8 de novembro ás 18.30h – O Libro da Selva. O musical – Ártika Cía (Galiza)
A historia clásica de Rudyard Kipling revive en galego nun gran musical para toda a familia. Ártika Cía convídanos a entrar nunha selva moi especial: unha cidade chea de animais, gobernada polo implacable Sherekhan.
Mowgli chega a este novo mundo e terá que aprender as súas regras para poder convivir cos seus habitantes. Mais… conseguirá convencer a Sherekhan de que o deixe quedar?
Música en directo, voces que emocionan e unha posta en escena chea de enerxía dan vida a un dos poucos musicais de gran formato creados integramente en galego. Un espectáculo único, vibrante e cheo de maxia, pensado para a infancia… e para todas as familias que queiran deixarse levar pola forza da aventura.
Teatro musical. Público familiar a partir de 3 anos. Duración 50 min.
Domingo 15 de novembro ás 18.30H – O Monstro de Cores – A xanela do maxín (Galiza)
Monstro de Cores espertou algo confundido: todas as súas emocións mesturáronse e agora non sabe que lle pasa. Para poñer orde neste caos, contará coa axuda da súa amiga, unha nena chea de curiosidade e ganas de axudar. Monstro e nena vivirán unha divertida e emocionante aventura onde aprenderán a recoñecer, nomear e expresar sentimentos como a alegría, a tristeza, o medo, a rabia e a calma.
Este espectáculo teatral, baseado no popular libro de Anna Llenas, convértese nunha viaxe chea de cores, música e xogo, onde as nenas e nenos, xunto coas familias, descubrirán que as emocións son amigas que hai que coidar e entender.
Teatro de monicreques. Público familiar a partir de 2 anos. Duración 50 min.