Abre o prazo de inscrición para a que será a XII edición dos obradoiros de creación musical municipais RockLab

O proxecto, que botará andar o vindeir luns 5 de outubro, abriu esta mañá p prazo de inscrición na plataforma apuntate.pontevedra.gal

A iniciativa, que foi evolucionando cos anos foi involucrando as familias e apostando por proxectos colaborativos con entidades musicais locais e centros de ensino.

Tamén consolidou a súa vinculación co Salón do Libro no que ten lugar a posta en escena dos proxectos musicais e audiovisuias, este ano baixo o o lema “De Pontevedra á Lúa”

O edil de Cultura, Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado de Gonzalo Maceira e Violeta Mosquera a que será a 12ª edición do programa de formación musical alternativa para nenos e nenas de 4 a 13, promovido pola Concellaría de Cultura e levado a cabo por Artecalavera, que ten xa aberto o prazo de inscrición en apuntate.pontevedra.gal

Como apuntaba o concelleiro, “este non é un proxecto illado. En Pontevedra temos todo un proceso que comeza no Rocklab, continúa en Xeración Sónica e segue polo Local de Música para que a infancia e a mocidade poidan expresarse e crear en cada etapa. Damos a posibilidade de que se poida facer o percorrido enteiro, de forma gratuíta, pero tamén de que as crianzas poidan entrar ou marchar en calquera momento”

Gonzalo Maceira puxo en valor a traxectoria e a evolución “na que mantemos a nosa esencia como laboratorio de ideas para dar vida a proxectos escénicos e pedagóxicos como o que facemos desde hai anos ligado ás temáticas do Salón do Libro, pero para nós a música é unha escusa: tocar un instrumento ou participar nunha actividade grupal é a vía para traballar valores, convivencia e pensamento crítico”.

Maceira salientou tamén a importancia de establecer colaboracións con outras entidades musicais da cidade e apuntou que “o ano pasado iniciamos unha colaboración cos CEIP´S da cidade que foi todo un éxito e imos repetir. Nas próximas semanas contactaremos cos centros de ensino para crear instrumentos virtuais, que fagan parte do concerto como coro e banda instrumental. En xeral, gústanos cada vez relacionarnos máis con outras entidades musicais locais, escolas e demais para que isto colla a dimensión que debe ter”

Violeta Mosquera foi a responsable de debullar un total de 6 grupos que comprenden rapazada dos 4 aos 13 anos e teñen obxectivos e proxectos diferentes, organizados por franxas de idade e días de ensaio.

Mosquera destacou o impacto cultural e social do proxecto apuntando que “traballamos todo o ano para que a creación conxunta termine nun acto de unión enriba do escenario do Pazo da Cultura dentro do Salón do Libro. Para moitas crianzas é a súa primeira intervención escénica ante o público e as súas familias, polo que formar parte da axenda cultural da cidade ten un valor enorme. Aproveitamos para reivindicar a necesidade de espazos para a difusión musical en vivo en Pontevedra, xa que é imprescindible contar cun tecido nutrido para que a cultura se poida manifestar en todas as súas formas”, rematou.

Grupos, idades e días de ensaio

  • Luns:
    • Grupo 1: Supernova (16:00 a 17:00 h) | Idades: 4 a 5 anos (acompañados por 1 familiar). Obradoiro de iniciación centrado nos soños e na identidade a partir do repertorio de The Killers e Oasis.
    • Grupo 2: Somos Heroes (17:30 a 19:00 h) | Idades: 7 a 9 anos. Explora a diversidade, a cultura pop e a liberdade de ser inspirándose en David Bowie e Scissor Sisters.
    • Grupo 3: Contos Eléctricos (19:00 a 20:00 h) | Idades: 10 a 11 anos. Espazo de composición no que o alumnado crea cancións orixinais inéditas con guitarras, baixos, baterías e sintetizadores.
  • Mércores:
    • Grupo 4: Cadetes Electrónicos (16:00 a 17:00 h) | Idades: 5 a 6 anos. Obradoiro de experimentación sonora e electrónica ao estilo de New Order e Prince.
    • Grupo 5: Rock Intergaláctico / Amor no hiperespazo (17:30 a 19:00 h) | Idades: 8 a 10 anos. Centrado nas emocións, a amizade e a linguaxe do videoclip con clásicos de Journey e The Outfield.
    • Grupo 6: A Banda do Rocklab (19:00 a 20:00 h) | Idades: 11 a 13 anos. Punto de encontro dos máis maiores para compoñer temas de temática social e dar forma ao espectáculo final.

Compartir publicación: