O Concello reanuda a semana que vén o plan de asfaltados no barrio da Parda

As obras comezan este luns nas rúas Maruxa Mallo e Diego Sarmiento de Acuña tras a pausa motivada polos grandes eventos da cidade 

O Concello retomará este luns, 28 de setembro, o plan municipal de pavimentacións cunha nova fase de traballos que afectará a boa parte das rúas do barrio da Parda. Tras a pausa temporal na actividade para garantir a mobilidade durante o Triatlón.

A intervención na Parda arrancará na rúa Maruxa Mallo, na que se traballará do 28 ao 30 de setembro, e continuará do 30 de setembro ao 2 de outubro na rúa Diego Sarmiento de Acuña. As actuacións desenvolveranse de xeito progresivo para reducir ao máximo o impacto na circulación habitual da zona. Está garantido o acceso aos garaxes sempre que se poida fisicamente.

A tenente de alcalde e concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde tamén informou esta mañá que a Xunta de Goberno concedeu unha prórroga de dous meses no lote urbano do contrato de rehabilitación de firmes (precisamente do que se retoma o luns), que estende a súa execución ata o 15 de novembro

Esta nova fase dá continuidade ás actuacións executadas ao abeiro do macrocontrato de firmes, que xa completou a renovación de viais no centro urbano como as rúas 12 de Novembro e Xosé Malvar, as avenidas de Bos Aires, Uruguai e Corvaceiras, ou a praza de Galicia e súa contorna. Así mesmo, os traballos xa acadaron o 100% da superficie do polígono do Vao e do parque empresarial do Campiño, ademais de avanzar en camiños e estradas das parroquias do rural.

O proxecto global de rehabilitación de firmes representa un investimento municipal de 4,4 millóns de euros (4.444.436 €) e abrangue unha superficie total de 191.304 metros cadrados ao longo de case 40 quilómetros de estradas. O contrato estrutúrase en catro lotes territoriais adxudicados ás empresas E.C. Casas (centro urbano e barrios) e COVSA (polígonos industriais e medio rural). Xunto coa renovación da capa de rodadura, o plan inclúe a instalación de novos redutores de velocidade para o calmado do tráfico e a renovación da sinalización horizontal e vertical.

Compartir publicación: