A Facultade de Comunicación será a sede das actividades previas dos Premios Feroz nesta edición 2026-2027 debido ás obras do Teatro Principal
O ciclo inclúe a proxección de cinco producións audiovisuais e encontros cos seus creadores e protagonistas
A Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra será a sede das actividades previas dos Premios Feroz 2027, que arrancarán o día 10 de outubro cun maratón de series e coloquios abertos ao público.
A programación do mes inclúe a proxección de tempadas completas de cinco producións de recoñecido éxito. Debido ás obras de remodelación do Teatro Principal, o salón de actos da facultade adaptouse cun equipamento de proxección de calidade para acoller todas as sesións.Esta solución permite afondar na colaboración entre a cidade e a Universidade de Vigo.
As sesións celebraranse os días 10, 16, 17, 25 e 31 de outubro ás 18:00 horas, agás a xornada inaugural que comezará ás 17:00 horas:
• 10 de outubro: Proxección da primeira tempada de Vida perfecta e posterior coloquio coa actriz Celia Freijeiro.
• 16 de outubro: Proxección de Autodefensa e encontro coa súa creadora e protagonista Berta Prieto.
• 17 de outubro: Proxección da primeira tempada de Paquita Salas, creada por Javier Ambrossi e Javier Calvo.
• 25 de outubro: Proxección de Fácil acompañada dunha conversa coa actriz Coria Castillo.
• 31 de outubro: Proxección da primeira tempada de Cardo e coloquio coa creadora e actriz Ana Rujas e a co-creadora Claudia Costafreda.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, puxo en valor a intensa interrelación coas facultades do campus e destacou a capacidade de facer da necesidade virtude ao trasladar as proxeccións á universidade mentres o teatro permanece pechado.
Así mesmo, remarcou a aposta continuada pola cultura nunha cidade que se converte na única en acoller os Feroz por terceiro ano consecutivo.
Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Pontevedra, Marián Fernández, salientou o valor de abrir as instalacións universitarias á cidadanía grazas ás sinerxías co Concello, destacando ademais o retorno formativo que supón para o alumnado de Comunicación participar na organización e desenvolvemento destes eventos.
Reserva de entradas
As entradas son de balde e pódense retirar na Oficina de Turismo da Praza de España desde sete días antes de cada pase, cun máximo de catro localidades por persoa. Tamén se habilitará a reserva en liña a través do sitio web apuntate.pontevedra.gal. cun número limitado de entradas.
A gala da décimo cuarta edición dos Premios Feroz celebrarase o vindeiro 23 de xaneiro de 2027 no Pazo da Cultura.