Lara González Cortés, da orquestra xove da Sínfónica de Pontevedra, será a directora convidada neste primeiro concerto ‘Construíndo pontes coas marabillas do planeta Terra’.
Entre setembro e decembro terán lugar un total de 4 citas baixo o lema ‘Construíndo pontes…’ nas que as marabillas do planeta Terra, a poesía, os grandes clásicos para banda e o ballet terán un importante papel.
Todas elas terán lugar os sábados ás 20.00h no Pazo da Cultura con entrada libre ata completar cabida.
Un ano máis a Banda de Música de Pontevedra presentou co apoio do Concello de Pontevedra, a que será a primeira parte do seu «Ciclo de butaca» para a tempada 2026/27 da man do seu director Rafael Agulló Albors. Deseñado baixo o concepto “Construíndo pontes…” aposta unha vez máis pola aposta diversidade de xéneros e a colaboración con outras entidades.
O edil de Cultura salientou o nivel artístico da formación e o valor patrimonial da música de banda. “Temos unha agrupación musical en Pontevedra de calidade artística excepcional, unha das mellores bandas que se pode escoitar hoxe en día e que triunfa alí onde vai. As bandas de música en Galicia son un patrimonio do mellor que sabemos facer, cunha tradición moi ampla. Este ciclo vainos permitir, nesta tempada de outono e inverno, viaxar pola imaxinación, no tempo, no espazo, entre xéneros e cos sentidos”
Antes de debullar a programación, o director titular da banda, Rafael Agulló Albors, explicou a selección do lema que centrará a programación: “as pontes son un elemento arquitectónico principal en Pontevedra que desde un punto de vista metafórico fai posible entrelazar a música con diferentes artes, culturas e formas de entender a creación. Queremos que cada concerto sexa un capítulo que conforme unha grandísima novela”.
As catro propostas multidisciplinares das que o público poderá gozar nos vindeiros meses, terán lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra ás 20:00 horas, con entrada libre ata completar a capacidade do recinto:
- 19 de setembro — «…coas marabillas do planeta Terra»: Concerto inaugural dirixido pola directora convidada Lara González (directora da Xove Orquestra da Sinfónica de Pontevedra), centrado en grandes paisaxes naturais, grandes artistas e e elementos arquitectónicos.
- 17 de outubro — «…coa poesía»: unión da palabra e a música coa colaboración da actriz Alba de Vales. Interpretaranse obras escritas para narrador e banda baseadas en textos literarios e de fondo compromiso emocional, como Cloudburst (sobre poema de Octavio Paz) e unha peza dedicada á libertadora salvadoreña Marianela García Vilas.
- 14 de novembro — «…cos grandes clásicos para banda»: reivindicación do repertorio histórico orixinal escrito expresamente para banda por mestres como Rimsky-Korsakov ou Ponchielli, coa participación do óboe solista César Rial Salgueiro.
- 26 de decembro — «…coa maxia do Nadal – O Crebanoces»: colaboración histórica co Ballet de Galicia (dirixido por Diego Landín). Agulló apuntou como curiosidades neste concerto que, por primeira vez a banda estará o foso e cederá o escenario ao ballet: “vai sacarnos aos músicos da nosa zona de confort. Acostumamos estar no escenario, pero aquí estaremos no foso para ceder o protagonismo aos bailaríns e ser a súa banda sonora. Vai ser algo moi novIdoso e formativo tanto para o público como para nós”.
Agulló aproveitou para avanzar tamén que a segunda parte do ciclo, que terá lugar entre xaneiro e maio construirá pontes interxeracionais, coa 7ª arte, con grandes formacións musicais e contará coa colaboración do CMUS Manuel Quiroga, a Coral Polifónica
Tamén terá ao longo de todo o ciclo moito peso un traballo que a Banda está a desenvolver dun tempo a esta parte con encargas de obras orixinais a compositores galegos: “Na festa da Peregrina estreamos a marcha de pregón encargada a José Luís Represas. Temos encargadas tamén marchas de procesión, de desfile,… A intención é que estas pezas conformen unha banda sonora dos eventos e celebracións que teñen lugar na cidade. Con elas imos rematar todos os concertos para poder gravalas e que se poidan consultar e escoitar na nosa canle de Youtube. Desde hai un ano, gravamos e subimos todos os concertos para que todo o mundo, aínda que non se poida desprazar ao teatro ou auditorio, poida gozar da música”.
Ao remate, o concelleiro de Cultura quixo agradecer novamente o traballo da banda e salientou a facilidade de traballar en Cultura na cidade “porque temos todo este ecosistema capaz de tecer redes e colaborar para ofrecer a mellor programación á cidade”.
