En colaboración co Concello de Pontevedra a asociación etnográfica Sete Espadelas achegará máis de 1.000 pezas de vestiario, útiles domésticos e de traballo, obxectos relixiosos e 100 manequíns que recrean a vida cotiá.
A mostra inaugurase o vindeiro martes 22 de setembro ás 19:30 horas e entre o 23 de setembro e o 8 de novembro contará con varias datas de visita guiadas con inscrición previa xa aberta en apuntate.pontevedra.gal
O alcalde, que visitou esta mañá a montaxe, sinala a exposición como «unha xoia incríbel» na que, entre outras pezas, destaca un mantelo con 48.000 cristais cosidos a man un a un.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o edil de Cultura Demetrio Gómez visitaron esta mañá a montaxe da mostra ‘Os traxes dunha vida’ acompañados polos comisarios David Quiñones Vázquez e José Luis Rodríguez Álvarez de Sete Espadelas.
A mostra, organizada pola citada asociación etnográfica contará con acto inaugural o vindeiro martes 22 ás 19,30h. e permanecerá instalada e visitable entre o 23 de setembro e o 8 de novembro no horario habitual da Sala de Exposicións (de martes a venres de 18 a 21h. Sábados de 12 a 14 e de 18 a 21h e domingos e festivos de 12 a 14h. Luns, pechada). Contará tamén con visitas guiadas os sábados ás 12.00 e 13.00h con inscrición previa necesaria e xa dispoñible en apuntate.pontevedra.gal.
Nesta visita, o alcalde de Pontevedra valorou a relevancia do proxecto, subliñando que se trata da exposición sobre indumentaria tradicional máis completa realizada ata a data en Galicia. O rexedor puxo en valor os 30 anos de traxectoria de Sete Espadelas na recollida e conservación de pezas históricas e salientou que “a mostra inclúe un cento de manequíns que representan escenas colectivas da vida cotiá, dende vodas ata rituais de fin da vida. É unha xoia incríbel que temos a fortuna de poder ver en Pontevedra. Vai haber 100 manequíns que recrean distintas escenas da vida cotiá e vaise ver perfectamente a diferenza entre o traxe rural e o dunha vila burguesa da costa”.
Pola súa banda, David Quiñones Vázquez, comisario da exposición e membro de Sete Espadelas, amosou a súa satisfacción por traer esta gran mostra á súa cidade e adiantou que o fío condutor do relato expositivo, que contrapón a traxectoria vital dunha nena do ámbito rural e de montaña coa duna moza duna próspera vila mariñeira e costeira. “É un orgullo realmente que, como pontevedreses e como asociación pontevedresa, a exposición máis grande que se fixo nunca en Galicia sexa aquí. Levabamos moitos anos coa idea de representar a diferenza de vestiario entre a clase máis acomodada das vilas da costa e a menos acomodada da montaña, e a idea de seguir a unha nena dende que nace ata que morre nesas dúas Galicias”.
A exposición contará con máis de 1.000 elementos etnográficos, entre prendas orixinais, mobles antigos, utensilios de traballo e obxectos relixiosos. Xunto ao material histórico conservado, inclúense reproducións fieis de enorme valor artesanal entre as que o comisario José Luis Rodríguez Álvarez destacou a recuperación duna peza emblemática fotografada hai un século pola fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson e cuxo orixinal desapareceu: “Ides ver algunha xoia reproducida, como un mantelo que fotografou Ruth Matilda Anderson hai 100 anos para a Exposición do Traxe Rexional de España en Madrid no ano 1925 e que se perdeu. Estivemos tres anos bordando ese mantelo, que ten arredor de 48.000 cristais cosidos un a un”.
Rematou convidando ao público a asistir, a participar das visitas guiadas e “que non se despisten que un mes e medio pasa moi rápido. Agradecemos a difusión e o boca a boca porque xoias coma esta son patrimonio inmaterial que só se van poder ver nesta exposición”.