O Concello avanza nas obras da rúa Luís Seoane que poderán estar rematadas no mes de outubro 

O concelleiro Xaquín Moreda mantivo unha xuntanza a pé de obra coa veciñanza e o comercio para axustar a accesibilidade dos garaxes e ampliar plataformas de carga e descarga 

O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, mantivo nestes días un encontro coa veciñanza e comercio da rúa Luís Seoane para atender demandas xurdidas no transcurso da reurbanización da rúa que o Concello ten en marcha. Esta actuación atópase en plena execución e avanza a bo ritmo coa previsión de estar rematada ao longo do mes de outubro.

Durante a xuntanza sobre o terreo analizáronse diversas adaptacións puntuais no deseño das rasantes e accesos para garantir unha correcta operatividade antes da instalación do firme.

A este respecto, o edil Xaquín Moreda declarou que “a obra vai a bo ritmo e podería estar rematada ao longo do mes de outubro”. Así mesmo, detallou os traballos acordados cos afectados: “miramos as rasantes das entradas dos garaxes para que cando a empresa construtora execute o firme deixe boa accesibilidade, e solicitaron deixar un acceso máis ancho nunha das plataformas para que poda acceder un vehículo para descargar nos baixos comerciais ou nunha posible mudanza”.

Características técnicas do proxecto de reurbanización

A reforma integral ten como obxectivo solucionar os problemas de estacionamento indebido e a falta de espazo peonil, transformando esta vía sen saída nunha nova praza urbana e espazo de convivencia na contorna da avenida de Vigo. A intervención contempla a implantación dunha plataforma única con dúas plataformas de 80 centímetros de altura para solucionar o desnivel existente.

O novo pavimento execútase en formigón continuo decorado con elementos prefabricados e baldosas, un material que ofrece unha mellor eficiencia térmica e reduce a emisión de gases de efecto invernadoiro fronte ao asfalto tradicional. Así mesmo, a obra inclúe a renovación completa das redes subterráneas de servizos de abastecemento de auga e augas pluviais.

No relativo ao equipamento e estética urbana, instalaranse elementos de mobiliario fabricados en aceiro cortén e madeira. A rede de iluminación renovarse con tecnoloxía LED de baixo consumo, incorporando ademais luces LED encastradas no chan no tramo final da rúa (en liña coa rúa Manuel Colmeiro) para evitar zonas de sombra e reforzar a seguridade peonil. Diante do muro do fondo da rúa habilitarase unha zona de xardín decorado con especies de flores distintas.

A reforma foi adxudicada á empresa Construcciones Vale, S.L. por un importe total de 331.086,26 euros -a licitación foi de 368.119,04 euros-. O contrato fixa un prazo de execución total de cinco meses.

Esta obra está financiada con cargo aos fondos asignados ao Concello de Pontevedra dentro dos orzamentos da Deputación provincial.

Compartir publicación: