A actuación supón a renovación integral do firme en 34.000 metros cadrados e inclúe o deseño de aparcamentos para facilitar o paso de camións.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou esta mañá o polígono industrial do Campiño para ver o desenvolvemento dos traballos de mellora das súas infraestruturas en compañía do concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, de técnicos municipais e responsables da empresa Covsa que executa os traballos.
Os traballos céntranse no asfaltado integral de todas as rúas do parque empresarial, o que supón a pavimentación dun total de 34.000 metros cadrados de superficie. Unha vez estendido o asfalto e elevadas as arquetas, procederse á nova sinalización vial e ao repintado dos aparcamentos, que se deseñará especificamente para garantir unha marxe de xiro adecuada aos camións e tráileres nos accesos ás naves. A previsión é completar a extensión do firme ao longo da vindeira semana.
Na súa valoración, Fernández Lores destacou a relevancia de manter en óptimas condicións un recinto económico onde operan 48 empresas e traballan arredor de 1.500 persoas. O rexedor instou á Xunta de Galicia a habilitar mecanismos para facilitar a ocupación das parcelas pendentes de construción —como os 26.000 metros cadrados da antiga Cementos Cosmos— e a impulsar a ampliación do polígono.
Estes traballos no Campiño, que representan o 75% da superficie do ámbito industrial planificado, enmárcanse no lote 3 (parques empresariais) do plan municipal de firmes, no que tamén se incluíu o polígono do Vao e que foi adxudicado á empresa COVSA por un importe de 1.072.004 euros. O alcalde tamén visitou esta mañá a pavimentación do polígono do Vao.
A actuación forma parte do desenvolvemento global do macrocontrato de rehabilitación de firmes do municipio, adxudicado por un investimento total de 4,4 millóns de euros. Este plan abarca máis de 191.000 metros cadrados de superficie e case 40 quilómetros de estradas repartidos en catro lotes territoriais (centro urbano, barrios, parques empresariais e medio rural), executados de xeito simultáneo polas empresas E.C. Casas e COVSA.