O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores realizou esta mañá a tradicional visita a un centro educativo con motivo do primeiro día do curso escolar para saudar á comunidade educativa e comprobar o funcionamento das instalacións. Segundo declarou o rexedor, o curso arranca con normalidade no relativo ás competencias do Concello, cos traballos de mantemento dos centros en marcha.
En relación coa evolución do número de alumnos, o alcalde reseñou que se constatou un pequeno descenso na educación primaria por mor da redución da natalidade. Tamén destacou o labor dos profesionais e a importancia do investimento na rede pública: “O ensino mantense polo esforzo que están facendo os profesores, igual que pasa tamén na sanidade”. Así mesmo, sinalou que “o gasto tanto en educación como en sanidade non é suficiente”.
Para concluír, o alcalde amosou o seu recoñecemento a todos os axentes involucrados: “Quero poñer en valor as familias e aos profesores do sistema público”.