O alcalde de Pontevedra cualificou a celebración como unha “auténtica romería urbana” sen incidentes de gravidade
Agradece de xeito directo a implicación das asocidades, entidades, traballadores municipais, do comercio e da hostalaría para facer posible o éxito do 25 aniversario
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, realizou hoxe unha declaración pública desde as festas de Marcón para valorar de forma directa e moi favorable o transcurso da Feira Franca na cidade. Coincidindo coa celebración das súas “bodas de prata”, o rexedor subliñou o fito histórico de participación e o rotundo éxito organizativo dun evento plenamente de referencia que, segundo as súas palabras, “vai a ter moitísimos anos de vida no futuro”.
Un dos aspectos que o alcalde quixo enfatizar foi o civismo e o comportamento das miles de persoas que ateigaron as rúas da cidade do Lérez. “Quero agradecer o comportamento dos participantes porque non houbo ningún incidente de gravedade, a pesar de que foron miles de persoas que se achegaron a Pontevedra”, explicou Lores. A xornada transcorreu cunha total tranquilidade, desde primeiras horas da mañá coa instalación de postos e a decoración de mesas de comidas, até a noite.
Axudando a garantir esta seguridade, tamén se contou co bo facer de todo o equipo de sanitarios e coa organización municipal que estivo pendente en cada minuto de resolver os pequenos problemas que xorden e de tomar decisións sobre a marcha ao longo de toda a xornada. De feito, o alcalde quixo recoñecer de forma directa o labor de todos os sectores profesionais que fan posible a loxística do evento: “Agradecer toda a participación dos traballadores municipais, do comercio, da hostelería…”.
Un 25 aniversario cunha programación á altura das expectativas
A vixésimo quinta edición do evento, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, cumpriu coas expectativas de públicos locais e de fóra de Galicia. A coidada recreación histórica estivo acompañada por ducias de persoas que encheron as diversas actividades programadas.
Entre os fitos principais da Feira destacou o grande éxito do espectáculo de inauguración deseñado por Pablo Méndez Performances na praza da Ferraría na noite do venres, concibido exprofesso para este aniversario; as xustas que volveron encher a praza de Touros, o tradicional traslado do viño, as actividades para os máis cativos, os obradoiros de esgrima, os cantares de cego, as probas de tiro con arco… ou a gran novidade deste ano, a chegada da cervexa do Ollo do redondo polo río Lérez ata a Ponte do Burgo.
Fernández Lores concluíu a súa valoración reafirmando a fortaleza da festa, sinalando que se trata dunha “consolidación nesta nestas bodas de plata da feira en Pontevedra, da Feira Franca que vai a ter moitísimos anos de vida no futuro”. Con estas palabras, o alcalde amosa o orgullo polo acompañamento que os pontevedreses e pontevedresas fan da Feira e polo relevo xeracional das novas fornadas de pontevedreses que aseguran a continuidade desta cita de referencia do final de verán.