A día de hoxe xa está abonado o 20% da axuda de máis de 14 millóns de euros e neste mes de setembro o 70% da contía estará comprometida ante o Ministerio.
Esta estratexia está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha achega do 60% do seu custe.
A Xunta de Goberno Local fixo repaso esta mañá do bo ritmo da tramitación administrativa da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) que permite fixar a Pontevedra nun escenario moi óptimo en relación ao cumprimento dos prazos de execución e xustificación, de tal modo que todas as obras estean rematadas no terceiro trimestre de 2028, para estar en condicións de xustificar a axuda antes de decembro de 2029. Esta financiación permitirá transformar os barrios de Monte Porreiro e de Valdecorvos-A Seca, así como facer realidade o gran parque urbano da Parda.
O plan conta cun orzamento de 14.550.506 euros, cofinanciado ao 60% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e ao 40% por achegas municipais ou outras compatibles co fondo. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou despois da reunión semanal da Xunta de Goberno que a 30 de marzo de 2027 Pontevedra debera ter pagado o 20% da axuda (máis de 2,5 millóns de euros), e comprometido o 70% do fondo a través da súa implementación na plataforma estatal de control dos fondos (Aldea).
Neste mes de setembro Pontevedra superará os dous baremos esixidos. A día de hoxe xa conta con 2.594.000 euros executados coas obras do parque da Parda e do pavillón de Monte Porreiro, e ao longo do mes de setembro rexistrará o proxecto do pavillón de Monte Porreiro, que sumado ao do parque da Parda, supera os 11 millóns de euros de investimento e supoñen máis do 70% da axuda europea.
A eficiente planificación permite determinar os distintos prazos dos proxectos (sen superar o límite regulamentario do último trimestre de 2029) coas seguintes previsións:
- Parque da Parda: Finalizará a súa execución no segundo trimestre de 2027.
- Software-Smartcity: Implantación tecnolóxica completada no cuarto trimestre de 2027.
- Campo de fútbol de rugby: Remate das obras fixado para o segundo trimestre de 2028.
- Pavillón, local social e reforma de rúas de Monte Porreiro e pasarela da Seca: Os catro proxectos de infraestrutura teñen os seus prazos de conclusión programados para o terceiro trimestre de 2028.
O alcalde incluíu nesta relación de proxectos da EDIL o colector da rúa José Malvar, que sen ser executado -a priori- por fondos europeos, está vinculado co proxecto do regato de Valdecorvos que será integramente acometido pola Xunta de Galicia e para o que o Concello reservaba 1,5 millóns de euros da súa EDIL.
Estes fondos liberados do regato de Valdecorvos serán redistribuídos para complementar o resto de proxectos da EDIL, segundo indicou Fernández Lores.
Fondos EDIL
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), integrado no Programa Plurirexional de España (POPE) para o período 2021-2027. Trátase de axudas enmarcadas na Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL).
A axuda europea destínase a facer realidade o Plan de Actuación Integrado (PAI) “RAIL Pontevedra” (Reconexión, Accesibilidade Integral e Mellora Ambiental de Pontevedra Leste). Este Plan conta cun orzamento cofinanciado de 14.550.506 euros, dos cales o 60% corresponde á axuda europea FEDER (8.730.304 euros) e o 40% restante son achegados polo Concello de Pontevedra (5.820.202 euros).
Ademais, o Concello de Pontevedra asume o compromiso de achegar o resto de fondos propios para garantir que o investimento total acade a ambiciosa cifra orixinal de 20.000.000 euros en catro proxectos clave: a dotación deportiva e de espazos públicos en “Monte porreiro Revive”; a xestión de inundacións en “Adapta e conecta A Seca – Valdecorvos”; o parque de “A Parda verde”; e a modernización de e-servizos con “Pontevedra SmartCity”.