O Concello inicia a gran renovación da iluminación da Zona Norte que aforrará un 77 % de enerxía e mellorará a seguridade peonil 


O Concello, coa colaboración económica da Deputación Provincial, substituirá 2.304 luminarias convencionais dende o nó do Pino até A Parda, O Castañal, Eduardo Pondal, San Antoniño ou Benito Corbal, entre outras zonas da cidade.

As obras de substitución das luminarias da zona norte comezaron esta mesma mañá de mércores ao carón da Fonte dos Nenos (Glorieta de Compostela), a partir deste intre as actuacións iranse ramificándose e actuando conxuntamente noutros puntos da cidade. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Deputación, Luís López, visitaron esta mañá este punto para informar do inicio dos traballos.

O proxecto, que ten un prazo de execución de seis meses, foi adxudicado á empresa local Setga SLU por un importe de 2.272.246,90 euros. Trátase dun proxecto financiado grazas ao convenio mantido coa Deputación de Pontevedra, do cal se destinan aproximadamente 1,6 millóns de euros con cargo aos acordos de 2025 e outros 700.000 euros do convenio anual.

A intervención contempla a substitución de 2.304 luminarias convencionais (de vapor de sodio e halóxenas) por nova tecnoloxía LED de alta eficiencia. Os traballos levaranse a cabo nas zonas norte-leste e oeste, no nó do Pino e no Gorgullón, abarcando as contornas de Cruz Vermella, San Antoniño, Benito Corbal, A Eiriña, A Parda, O Castañal e Eduardo Pondal.

Un dos obxectivos primordiais deste novo contrato é a mellora da seguridade viaria e peonil. Tal e como sinalou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. «Vaise realizar un reforzo específico da iluminación nos pasos de peóns e nos espazos peonís para garantir a máxima seguridade da cidadanía», explicou. A maiores, as obras inclúen a renovación de 39 cadros de mando e protección —dous deles con telexestión—, a substitución da cablaxe deteriorada e a limpeza de columnas.

A nova instalación LED suporá un cambio radical para o medio ambiente e as arcas municipais, xa que reducirá o consumo eléctrico nun 77 % – 78 %. O gasto pasará dos 1.607.254 kWh/ano actuais a tan só 356.492 kWh/ano, xerando un aforro enerxético neto superior a 1,2 millóns de kWh anuais e evitando a emisión de 651,69 toneladas de CO2 á atmosfera. Este avance traducerase nun aforro económico que roldará entre 1,5 e case 2 millóns de euros respecto ao que se viña gastando coa iluminación anterior.

Pola súa banda, o presidente de Setga, Ángel González, destacou a firme aposta pola economía circular neste proxecto. O procedemento aproveitará a carcasa orixinal das farolas, ás que se lles integrará un novo “motor LED” e aplicaráselles un tratamento superficial cunha pintura de poliuretano de dous compoñentes para que o conxunto quede como novo.

As novas luminarias achegarán unha mellor calidade de luz á cidade, permitindo observala con máis beleza pola noite grazas a unha temperatura de cor neutra-cálida (3.000K) que dirixe a luz estritamente aos espazos precisos, reducindo drasticamente a contaminación lumínica. Ademais, fronte aos 3 anos que duraban as antigas lámpadas, estes novos equipos LED de alta potencia contan con 100.000 horas de vida útil, o que equivale a uns 25 anos a un 90% do seu rendemento. Para apoiar esta fiabilidade, a empresa adxudicataria ampliou a garantía da instalación a 5 anos.

A execución destas obras supón un fito decisivo para o Concello de Pontevedra, xa que ao seu remate o 83 % das 24.000 luminarias públicas municipais (incluíndo o centro urbano e o rural) xa funcionarán con tecnoloxía LED. Para os vindeiros anos unicamente quedará un 15% ou 16% pendente, correspondente a algunhas zonas das parroquias de Tomeza e Salcedo e, moi especialmente, ao centro histórico, cuxa iluminación artística require un salto adiante específico tanto na súa calidade como no aforro enerxético.

Compartir publicación: