O Concello de Pontevedra, en liña coa progresiva transformación dixital, avanza na actualización das súas infraestruturas tecnolóxicas. Este importante proxecto lévase a cabo grazas a un convenio de colaboración que vén de asinarse entre o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial de Pontevedra.
O obxectivo principal do convenio é fortalecer a infraestrutura do sistema de xestión de base de datos corporativo (SXBD) do Concello, co fin de que sexa máis resiliente, segura e flexible. Este sistema é fundamental, xa que nela se custodian todos os datos que xestionan os sistemas de información municipais.
Ademais, no actual contexto de alta dependencia das TIC e interconexión dos sistemas de información, os sistemas municipais están expostos ás novas ameazas e ataques do ciberespazo. A actualización é imprescindible para adaptar as medidas de seguridade, dando cumprimento tanto ao Esquema Nacional de Seguridade (ENS) como á Directiva (UE) 2016/1148 sobre seguridade das redes e sistemas de información.
A actuación obxecto do convenio abrangue:
- A actualización dos servidores e a mellora do hardware onde se aloxa a base de datos municipal.
- A subministración das novas licenzas necesarias.
- A asistencia técnica especializada para o traspaso de toda a información aos novos servidores.
Coa execución deste proxecto, perséguense as seguintes finalidades:
- Acada unha administración modernizada a través da súa dixitalización.
- Actualizar os servizos electrónicos para ofrecer servizos públicos dixitais de calidade, máis adaptados ás demandas da cidadanía e das empresas.
- Mellorar a eficiencia administrativa para facer efectiva unha Administración electrónica máis segura e interconectada.
As novas licenzas proporcionarán solucións avanzadas, incluíndo un sistema de auditoría capaz de identificar en que aplicación se modifican datos e cando e como se modifican, ademais dun sistema de protección para garantir que só as aplicacións e as contornas autorizadas poidan acceder e modificar os datos municipais.