A xornada, enmarcada na programación dos Premios Feroz, terá lugar o 26 de novembro na Casa da Luz e contará coa participación de María Guerra, Ángel Suanzes e Andrea Villa.
O Concello de Pontevedra, en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), organiza unha conversa aberta dirixida a público profesional baixo o título “Informar sobre cine”. Este encontro celébrase o vindeiro martes, 26 de novembro a partir das 19.00 horas na Casa da Luz de Pontevedra e está encadrado na programación dos Premios Feroz, impulsados pola AICE.
A iniciativa conxunta busca fomentar a reflexión sobre a información cinematográfica. O obxectivo principal é buscar respostas, desde a realidade galega, aos retos e interrogantes que hoxe en día condicionan a profesión xornalística no ámbito do audiovisual.
Entre as cuestións que se abordarán atópanse os límites da información cinematográfica, as dificultades que se presentan para a especialización na materia, a confusión que xorde entre información e promoción, e o papel esencial da crítica.
A mesa redonda e posterior conversa aberta contará coa participación de destacadas persoas profesionais do sector:
- María Guerra: Presidenta da AICE desde 2018 e directora e presentadora do programa de cinema La Script, actualmente en formato podcast. Guerra leva vinculada á información cinematográfica desde 1993 e forma parte do equipo dos Premios Feroz.
- Ángel Suanzes: Xornalista cinematográfico que exerceu durante case vinte anos na Televisión de Galicia e que cubriu festivais internacionais relevantes como Cannes, Venecia ou San Sebastián, ademais dos Premios Goya e Mestre Mateo. Actualmente, traballa como redactor na Radio Galega.
- Andrea Villa: Comunicadora cultural e audiovisual que traballou na comunicación de diversos proxectos galegos como a Academia Galega do Audiovisual, os Premios Mestre Mateo, e festivais como o de Cans, Novos Cinemas e Curtocircuíto. Tamén está implicada na programación e dirección do Carballo Interplay.
Debido a que as prazas dispoñibles son limitadas, para participar no acto é imprescindíbel que as persoas interesadas realicen a súa inscrición a través do seguinte formulario: https://forms.gle/e2h219RDqq2tcw9t8
Para calquera dúbida ou para obter máis información, pódense realizar consultas no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.