Comeza Formación Gastro, un programa deseñado á medida da hostalería de Pontevedra


A inscrición nos cursos de balde farase a través do espazo Apúntate! da páxina do Concello: https://apuntate.pontevedra.gal/formacion-gastro/


O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra.

O Concello de Pontevedra presentou esta mañá no Mercado de Abastos o novo plan Formación Gastro, unha iniciativa de capacitación gratuíta destinada ao sector hostaleiro, turístico e gastronómico da cidade incluído dentro do programa Pontevedra Capital Gastro que se desenvolverá entre decembro de 2025 e abril do ano 2026.

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, foi a encargada de clausurar esta xornada de presentación da oferta formativa cuxo obxectivo é reforzar as competencias do tecido profesional da Boa Vila e apoiar un modelo de destino sostible. A concelleira indicou que “o Concello buscaba responder ás necesidades dun sector amplamente formado pero que sempre agradece e busca mellorar”. Por este motivo, explicou que “a parte formativa do programa Pontevedra Capital Gastro, Formación Gastro, era unha aposta necesaria para completar unha oferta que abarque todas as necesidades do sector. Os cursos fixéronse á medida das necesidades dos profesionais da Boa Vila para asegurar a calidade e a pertinencia dos mesmos, por iso poderán encontrar dende formacións relacionadas co márketing para desenvolver un negocio ata a colocación e disposición dunha mesa”.

Ademais de servir de presentación dos cursos presenciais e en liña de balde, cuxa inscrición está xa dispoñible na páxina web oficial do Concello a través do espazo Apúntate!, a xornada ofreceu ás persoas interesadas demostracións culinarias, unha oportunidade de xerar sinerxías e informarse acerca do programa que dará comezo en decembro e que finalizará cun certificado para todas as persoas que se inscriban a estes cursos.

Enlace: https://apuntate.pontevedra.gal/formacion-gastro/

A xornada reuniu a diversas persoas emprendedoras da Boa Vila e relacionadas co sector da hostalería: un showcooking con produto local procedente da praza a cargo do equipo de Arón Álvarez e Os Maristas, unha mesa redonda con Marta González de La Gramola, Carallo 29 e Pintxo Viño, Chiara Lugato de Galiwonders, Camilo Garrido de Acolá Hostels e Miguel Lago, presidente do CCU Zona Monumental e, para finalizar, unha degustación con networking. Amais, no primeiro andar tamén estivo dispoñible un recuncho dixital interactivo con informacion acerca do plan formativo.

O proxecto está incluído dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra valorado en 2 millóns de euros. Este plan local forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia. Os fondos dos que se benefician ambolosdous plans, foron distribuídos polo Ministerio de Industria y Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

Compartir publicación: