Paseos, obradoiros, títeres e unha exposición dentro do programa de actividades elaborado pola Fundación Manuel Moldes e o Concello de Pontevedra

A actividade ‘Manuel Moldes. O río da vida’ con visita guiada ao mural da UNED e posterior roteiro terá lugar o vindeiro sábado 22 de novembro e precisa de inscrición previa en info@fundacionmanuelmoldes.org

O sábado 20 de decembro celebrarase o primeiro dos obradoiros para a cativada da man de Taller Abierto, con inscrición a partir do día 10 do mesmo mes no seu whatsapp.

O sábado 27 a Fundación Moldes acollerá a representación ‘Barriga verde’, unha achega de Viravolta Títeres, con entrada libre ata completar cabida.

Como sorpresa e no marco da programación dos Feroz, avanzaron a inauguración ao día 3 de decembro, coincidindo co 8ª aniversario do pasamento de Moldes, da mostra ‘Bicos de cine’ con debuxos pintados no 91 para o Festival de Cine do Carballiño, préstamo da Filmoteca de Galicia.

O edil de Cultura Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado pola presidenta da Fundación Moldes, Mai Díaz Cacheda, a programación elaborada conxuntamente para difundir e poñer en valor a obra e figura do artista pontevedrés Manuel Moldes.


Todas as iniciativas terán lugar nestes últimos meses do ano e buscan, como destacou o edil, “sacar a arte da academia e chegar a toda a veciñanza de Pontevedra” a través de visitas guiadas e paseos, obradoiros artísticos para o público infantil, títeres e unha mostra que formará parte da programación dos premios Feroz.


“En Pontevedra temos a sorte de ter un tecido asociativo e institucional realmente potente para para elaborar unha boa axenda cultural. A Fundación Moldes ten un papel preponderante, por iso para nós presentar unha colaboración entre Concello e a Fundación Manuel Moldes é do máis importante que facemos ao longo do ano. Cando iniciamos esta proposta hai un par de anos, estivemos de acordo en que o realmente importante era divulgar a arte tamén fóra da academia. O mellor das actividades que imos presentar hoxe é que están destinadas a toda a veciñanza de Pontevedra, para que todo o mundo poida achegarse á arte contemporánea, coñecer unha figura tan importante como Moldes e facelo no seu propio contexto, con destaque especial das actividades para as crianzas, para crear ese novo público e facelo partícipe das artes plásticas”, afirmaba Demetrio.

A presidenta da Fundación Moldes, Mai Díaz foi a responsable de debullar a programación, que xa tivera un primeiro avance no mes de outubro coa representación de ‘A regadora do asubiote’ de Viravolta Títeres.


O día 22 deste mes terá lugar a visita ao mural da UNED con 13 metros, pintado por Moldes no ano 1987. Con saída do conservatorio Mayeusis preto das 12 da mañá, contará cunha explicación guiada por un profesor de Belas Artes sobre o mural e un posterior paseo pola cidade relacionado co mural. Esta actividade require de inscrición previa no mail info@fundacionmanuelmoldes.org.


No mes de decembro iniciarán os obradoiros artísticos da man de Taller Abierto. O primeiro deles será o día 20 con inscrición aberta a través do seu whatsapp (617 340 323)a partir do día 10. Destinados a rapazada de 6 a 12 anos están centrados na obra de Manuel Moldes onde poderán coñecer o seu estilo, motivacións, temas predilectos e algunhas das obras fundamentais da súa carreira. Máis información, no sitio web e redes de Taller Abierto.


O día 27 na Fundación Manuel Moldes terá lugar con entrada libre a representación de ‘Barriga Verde’ da man de Viravolta Títeres.
Busca “manter a tradición, reivindicar o papel do títere, de Barriga Verde e dar a coñecer aos irmáns Silvent que son de aquí, de Pontevedra”, apuntaba Díaz, que remitía ás redes da Fundación Moldes para ampliar información sobre cada unha das diferentes actividades.

Por último e como sorpresa e “prato forte, avanzamos a inauguración da mostra ‘Bicos de cine’, que formará parte da programación dos premios Feroz. Terá lugar o 3 de decembro, data na que se cumpren 8 anos da morte do artista. Unha serie de debuxos pintados no ano 1991 para o Festival de Cine de Carballiño, que forman parte da Filmoteca de Galicia e veñen a Pontevedra da man de Ramón Rozas e que se van expoñer grazas á colaboración do Concello, dentro da programación dos Feroz e coincidindo coa celebración do festival Novos Cinemas. Unha mostra que estivo en Pontevedra no 1992 da man do Cineclube pero que é descoñecida para a maioría dos pontevedreses/as.”

Compartir publicación: