As persoas interesadas poden cubrir o formulario de participación dispoñible en apuntate.pontevedra.gal ou contactar no teléfono 651 720 350 en horario de 9 a 14 horas ate o 6 de novembro.
As propostas preseleccionadas polo xurado participarán nunha final aberta ao público o 13 de decembro ás 19.00 h
Ceas para dúas persoas ou vales de compra para libros e material en galego serán os agasallos para os narradores e narradoras dos 4 contos mellor valorados
O edil de Normalización Lingüística Demetrio Gómez presentou esta mañá a que será a 4ª edición do certame ‘Bótalle un conto’, acompañado de Mar García Vendrell, responsable da coordinación do proxecto que manifestou estar “orgullosa de que este sexa xa o 4º ano de ‘Bótalle un conto’. A partir da semana que vén visitaremos centros culturais para captar en directo. O feito de gravar o conto impón un pouco e por iso imos un compañeiro e eu, para que nolo conten a nós e non estean pendentes da cámara. Este ano faremos tamén fincapé nos centros de ensino para animar á rapazada a participar’
O edil Demetrio Gómez fixo un chamamento: andamos na procura dos mellores contadores e contadores de Pontevedra, así que animamos as persoas interesadas a que se apunten pero tamén, que se coñecen alguén que saiba contar contos, que o/a animen a participar porque non hai que saber nada, máis que ter unha historia”.
Trala inscrición, que as persoas interesadas poden realizar a partir de hoxe e ate o 6 de novembro no web municipal apuntate.pontevedra.gal ou no teléfono 651 720 350 en horario de 9 a 14 horas, terá lugar a gravación das propostas en diferentes centros sociais de Pontevedra e parroquias nas datas comunicadas con anterioridade aos inscritos e inscritas. Como novidade nesta edición, a organización fai un chamado á mocidade, polo que están contempladas as gravacións en centros de ensino e premios de natureza axeitada á rapazada menor de 18 anos.
As historias terán unha duración máxima de 4 minutos e estarán contadas en galego. Un xurado formado por contadores e contadoras profesionais realizará unha escolla dos 10 contos que participarán na final aberta ao público o 13 de decembro ás 19.00 h. As catro pezas mellor valoradas poderán gañar unha cea para dúas persoas no caso de ser maiores de idade ou un vale para mercar libros ou material en galego no comercio local, se fosen menores de 18 anos.
O proxecto
Bótalle un conto é un certame de contos orais relatados por persoas non profesionais que o Concello de Pontevedra leva realizando desde 2022. Esta iniciativa de normalización lingüística busca prestixiar e facer visibles as persoas galegofalantes de Pontevedra, promover a participación interxeracional e a cohesión entre os distintos territorios do concello, poñer en valor os nosos trazos dialectais, visibilizar a variedade e a viveza das falas pontevedresas e mostrar a habilidade para emocionar e engaiolar desde a nosa lingua. A actividade incide no uso do idioma e na percepción da utilidade da lingua tanto das persoas que participan contando como do público que asiste, xa que apodera as falas locais.