Unha trintena de peregrinos poderán volver gozar do produto local hoxe no primeiro andar da Praza de Abastos
A cea de balde será ás 19.30 a cargo da Fervella, acompañada por un guía turístico que apoiará as explicacións da cociña
O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra.
O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, volve convidar hoxe aos peregrinos aloxados en albergues da Boa Vila a gozar das creacións de cociñeiros locais no primeiro andar da Praza de Abastos. Trátase dun total de 29 degustacións gratuítas acompañadas por un guía turístico que axudará aos cociñeiros a explicar o seu traballo durante a actividade, ofrecidas a través do programa de dinamización do Mercado, Pontevedra Capital Gastro, que quere converter este equipamento comercial e cultural da cidade no epicentro culinario da mesma.
Dende o seu inicio, A Mesa do Camiño está a permitir a visitantes non só de lugares próximos, senón mesmo de diversos países e culturas, aprender sobre a gastronomía galega grazas a unha degustación de balde que se realiza os xoves e os venres ás 19.30 horas no primeiro andar da Praza de Abastos. O único requisito é que as persoas asistentes amosen que están a pernoctar nun albergue da Boa Vila, así como o credencial conforme están a realizar o Camiño de Santiago.
Hoxe, venres 24 de outubro, os peregrinos poderán gozar dos petiscos ofrecidos por A Fervella. O menú consistirá en vieira á galega, seguida por un guiso mariñeiro, lacón con grelos á feira e torta de améndoas como sobremesa. Todo acompañado dun bo viño.
A cita de onte, con 26 comensais, foi con Olmos Gastro-Bar cun menú formado por varios petiscos ou tapas que retoman as da pasada semana, dada a aclamación popular: entrante de mexillóns ao vapor e vinagreta, seguido dunha empanada de bacallau con pasas e luras guisadas, todo mariñado cun viño (e auga incluída) e, por último, torta de queixo.
Vindeiras datas:
As vindeiras datas das ceas serán o xoves 30 e venres 31 de outubro; en novembro o xoves 6, venres 7, xoves 13, xoves 20 e venres 21. Para o ano, volverán en marzo de 2026: xoves 5, venres 6, xoves 12, venres 13, xoves 19, venres 20, xoves 26 e venres 27 e abril: xoves 9, venres 10, mércores 15, xoves 16, venres 17, xoves 23, venres 24 e xoves 30.
É posíbel anotarse a través do formulario do Apúntate! dispoñible na páxina do Concello de Pontevedra e no qr dispoñible nos carteis repartidos polos puntos chave da cidade, como establecementos turísticos e de hostalería. Hai un máximo de 30 prazas por sesión. O enlace ao formulario de inscrición, aquí: https://apuntate.pontevedra.gal/a-mesa-do-camino/.
O proxecto está incluído dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra valorado en 2 millóns de euros. Este plan local forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia. Os fondos dos que se benefician ambolosdous plans, foron distribuídos polo Ministerio de Industria y Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.