O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda inicia esta semana unha xeira de contactos coa veciñanza para informar sobre o Parque da Parda e a súa evolución. A primeira será mañá mesmo, ás 20.00 horas no Local social do Gorgullón, coa veciñanza do barrio.
A seguinte será no Centro Leste para celebrar unha asemblea co mesmo propósito. Será o martes, 30 de setembro ás 20.00 horas.
Informará das dotacións que o Parque da Parda incorporará á cidade: novos estacionamentos en superficie e de balde, parque infantil, zona de xogos urbanos, espazos de esparexemento, miradoiros…
Neste momento o proxecto está en fase de achega de terra para tapar o desmonte feito nos anos 50 coa construción da nova estación de ferrocarril e na instalación dos muros de contención que delimitarán a parcela doutras veciñas como a da estación do ferrocarril.
O parque da Parda ten un investimento de máis de 5,3 millóns de euros para crear o maior parque urbano de Pontevedra de máis de 34.000 metros cadrados.