Pontevedra, epicentro do salvamento acuático estatal coa celebración do Campionato de España 

O campionato, que pecha a tempada, terá lugar do 26 ao 28 de setembro, coas probas de piscina na Fundación Rías do Sur en Pontevedra e as de praia en Silgar (no municipio de Sanxenxo), contando coa participación de 114 socorristas de todo o Estado 

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, participou esta maña de mércores na presentación do Campionato de España de Salvamento e Socorrismo por Comunidades Autónomas, destacando o evento como a culminación dun «compromiso firme deste goberno municipal cos clubs de auga da cidade»

. O campionato, que pecha a tempada, terá lugar do 26 ao 28 de setembro, coas probas de piscina na Fundación Rías do Sur en Pontevedra e as de praia en Silgar (no municipio de Sanxenxo).

Gulías subliñou que este campionato é froito da colaboración institucional e, especialmente, do esforzo local. «Ao principio deste mandato, asumimos un compromiso cos clubs desta cidade», afirmou, poñendo en valor o convenio coa Fundación Rías do Sur para garantir a dispoñibilidade de «lámina de auga, que era tan necesaria».

A concelleira tivo palabras de especial recoñecemento para o club local, o SAPO: «Quero darlle as grazas ao club SAPO por ter pulado para que teñamos competicións nesta cidade». Lembrou que o ano pasado, durante o campionato galego, xa se anunciaba que «virían máis cousas, e aquí estamos cun campionato de España». Ademais, felicitou publicamente ao club polos seus excelentes resultados deportivos, que demostran que «cando todos e todas remamos, somos capaces de conseguir isto».

O evento reunirá a aproximadamente 114 socorristas en categoría absoluta e 90 en categoría cadete, procedentes de 10 comunidades autónomas. Galicia será a selección con maior representación, achegando o máximo de deportistas posible. As probas de piscina celebraranse o día 26 e na mañá do 27 de setembro en Pontevedra, mentres que as de praia serán a tarde do 27 e todo o día 28 setembro en Sanxenxo.

Finalmente, Anabel Gulías agradeceu o apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, así como das Federacións Galega e Española por traballar para que «o salvamento acuático tamén sexa un deporte de referencia en Pontevedra». Este campionato non só destaca polo seu valor deportivo, senón tamén polo seu compoñente formativo e de prevención, preparando aos socorristas para rescates eficaces, e sendo un deporte “divertidísimo e moi estético” que mesmo aspira a ser olímpico.

Compartir publicación: