A competición desenvolverase ao longo da mañá do vindeiro domingo, 28 de setembro, e achegará até a Boa Vila a toda a élite dos rapaces e rapazas do ciclismo de montaña
A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, presentou esta mañá a novena edición da Mini BTT Comunidade de Montes de Salcedo, que se celebrará o vindeiro domingo 28 a partir das 10:00 horas. Na presentación estivo acompañada por membros da directiva da Comunidade de Montes de Salcedo e por Ramón Farto, director deportivo do Club Ciclista Farto, entidades colaboradoras esenciais no evento.
Gulías destacou que esta é unha «proba moi bonita» que pon en valor a importancia de coidar os recursos naturais e de realizar unha xestión forestal ordenada. A concelleira subliñou a relevancia de que os nenos e nenas, a través do deporte, «entendan o importante que é coidar os nosos recursos». Así mesmo, fixo un convite a toda a cidadanía para achegarse e gozar dunha das probas «máis golosas a nivel visual e de participación».
Pola súa banda, o director deportivo do club detallou que a carreira está dirixida a rapaces e rapazas de até 14 anos, dende a categoría benxamín até infantil, e está enmarcada como a última proba do calendario autonómico da Federación Galega de Ciclismo.
Así, o evento congregará a «élite dos rapaces en ciclismo de montaña» de toda Galiza, cunha participación estimada de 300 corredores. Cómpre salientar a relevante participación feminina, que podería acadar as 100 rapazas.
O club ciclista agradeceu a colaboración do Concello de Pontevedra, afirmando que «sen a participación do Concello, esta proba non podería saír adiante». Describiu o evento como unha oportunidade para que as familias gocen dunha competición «de primeiro nivel» nun «enclave natural moi coidado e moi fermoso».
A proba desenvolverase entre as 10:00 e as 14:00 horas do vindeiro domingo, 28 de setembro.