A iniciativa, que bota a andar o 5 de febreiro no Centro Sur, ten activo o prazo da inscrición a través do correo normalizacionlinguistica@pontevedra.eu
Busca dinamizar o uso do galego a través da improvisación teatral e está destinada a mocidade entre os 18 e os 30 anos
A actriz, directora teatral e promotora de igualdade Vicky Estévez, será a encargada de guiar o grupo nos ensaios cada mércores de 19 a 21h. ata o 25 de xuño.
O prazo de inscrición para formar parte do Teatro con Lingua, o grupo de teatro promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello, está xa aberto no correo normalizacionlinguistica@pontevedra.eu. Esta proposta, levada a cabo con anterioridade, busca dinamizar o uso do galego entre a xente nova, de 18 a 30 anos, a través da improvisación e da creatividade teatral.
O grupo estará guiado por Vicky Estévez, cofundadora da compañía 105 Besos Teatro, activista feminista, animalista e performer feminista. Ten unha ampla traxectoria como actriz, directora de teatro e guiando grupos de animación á lectura e sexualidade na escola de ocio Aika.
Os obxectivos da actividade son:
– Achegarse ao teatro amador improvisado en lingua galega
– Dinamizar o uso oral da lingua galega entre a xente nova
– Promover o galego como lingua de socialización
– Estimular a creatividade
– Reflexionar con ollada crítica sobre diferentes temas
Os ensaios terán lugar no Centro Sur (andar baixo), en Campolongo os mércores de 19 a 21h. Comezarán o mércores 5 de febreiro e rematarán o 25 de xuño. Unha vez rematado o curso, o grupo fará unha montaxe final aberta ao público.
As prazas son limitadas. Para solicitar praza cómpre enviar un correo electrónico a normalizacionlinguistica@pontevedra.eu indicando nome completo, idade, teléfono de contacto e enderezo electrónico.
