As actividades son de balde e consistirán en aprender a elaborar creacións artísticas que serán o punto de partida para tres planos turísticos que porán en valor a Boa Vila e máis a súa contorna
A edil de Promocion Económica destacou a importancia de que as nenas e os nenos se sintan «parte activa da identidade da cidade»
O Concello de Pontevedra, a traves da área de Promocion Económica, vén de presentar ‘Pontevedra debuxada’, obradoiros de ilustración para nenas e nenos de 6 a 12 anos que mesturan espazo público e creación artística mediante a observación da contorna. Trátase dunha actividade de balde que ten o obxectivo de achegar a cidade á ollada dos máis cativos e de poñer en valor o traballo de tres creadoras estreitamente vencelladas coa nosa vila.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, puxo de manifesto que se trata dun proxecto que ofrece ás crianzas a oportunidade de descubrir Pontevedra dun xeito diferente: «Queremos que os nenos e nenas se sintan parte activa da identidade da cidade, que aprendan a mirala con ollos curiosos e creativos, e ao mesmo tempo recoñecer e apoiar o traballo de tres ilustradoras cunha fonda vinculación coa nosa contorna», explicou na rolda deste luns.
As tres xornadas desenvolveranse o sábado 27 de setembro na Praza de Abastos, de 11.30 a 13.30 horas; o sábado 4 de outubro no Pazo da Cultura, de 11.30 a 13.30 horas; e o sábado 11 de outubro, no Edificio Castelao, de 11.30 a 13.30 horas. É necesario reservar previamente, pois as prazas son limitadas, e as solicitudes de inscrición pódense realizar dende xa a traves do espazo Apúntate habilitado na páxina web do Concello.
As tres protagonistas dos monográficos, que tamén estiveron presentes durante a presentación, son Aida Alonso, quen foi finalista en diversos certames de ilustracion e máis autora do cartel da vixésimo segunda edicion do Salón do Libro de Pontevedra; Natalia Umpiérrez, deseñadora gráfica que traballou en proxectos internacionais como a galardoada peza audiovisual Unicorn Wars; e Paula Cheshire, debuxante de cómics e nominada ao Premio Follas Novas este 2025. Os traballos da cativada serán entregados ás artistas para que sirvan de inspiracion para unha ilustración final.
Actualización (22 de setembro, ás 15.30h)
En poucas horas esgotáronse as 45 prazas dispoñibles (15 por sesión) para os tres obradoiros de ilustración infantil a través do espazo Apúntate da páxina do Concello.
A gran acollida da proposta xerou unha lista de agarda, polo que se prega ás persoas anotadas que non recibiron confirmación que estean atentas á aceptación da súa solicitude. Priorizaranse na lista aquelas nenas e nenos que non estean inscritos xa nalgunha das datas.