O Concello de Pontevedra presenta “Lonxa de versos. Poesía na Praza”, un encontro que une a Portugal e Galiza a través da palabra poética 

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, destacou o valor do proxecto como motor de dinamización dos espazos da cidade a través das industriais culturais e creativas
 É posíbel consultar toda a información do evento a través das distintas canles do Concello

O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, presentou esta mañá o encontro “Lonxa de versos. Poesía na Praza”, unha iniciativa que pon en diálogo a creadores e creadoras de Galiza e Portugal e que volve facer de Pontevedra un lugar de irmandade mediante a palabra poética.

A concelleira Anabel Gulías salientou que este proxecto mira “máis aló do ámbito literario”, xa que se encadra dentro da estratexia de proxección cara ao exterior que Pontevedra leva tempo amosando coas súas propostas, así como unha “firme aposta polas industrias culturais e creativas” na cidade.

O programa, que se desenvolverá este sábado 20 de setembro ás 19.00 na Praza de Abastos, reúne a catro poetas da Galiza e máis catro portugueses e portuguesas, con Antón Sobral á fronte da delegación do país, composta por Armando González López, Carmen Quinteiro, Xaime Toxo e Charo Valcárcel, e Elisabeth Oliveira encabezando o grupo luso formado por João Pedro Azul, Aurelino Costa e Olga Santos. En total, oito poetas naturais de Pontevedra, A Estrada, Porto, Vila do Conde ou Roubaix que se reúnen en Pontevedra para ofrecer un recital galaico-portugués aberto a todos os públicos.

Recitadores presentes nesta edición como Aurelino Costa son algunhas das voces poéticas máis recoñecidas da súa xeración en Portugal. Natural de Póvoa de Varzim, iniciou a súa traxectoria con Poesia Solar (1992) e publicou obras como Na raiz do tempo (2000), Pitões das Júnias (2002), Na Terra de Genoveva (2005), Domingo no corpo (2013) e Gadanha (2018), nomeada ao Prémio Autores SPA á Mellor Libro de Poesía. A súa obra máis recente, Casa e logradouro (2023), foi finalista do premio Bertrand. A súa poesía foi traducida a diversas linguas e difundida en revistas e antoloxías de renome internacional. 

Oliveira, codirectora do encontro, é unha creadora de longo percorrido en Pontevedra: tradutora, profesora e autora literaria. Publicou obras coma POESIS (2016), Náufragas no mar e na terra (2019) e As Ninguén (2025) e ten participado en numerosos festivais, recitais e intervencións culturais en Pontevedra. Foi finalista do Premio Jovellanos ao mellor poema do mundo en 2017 e actualmente coordina o grupo PoeticAlbedrío, que orienta a poesía á defensa dos dereitos humanos.

Toda a información detallada sobre o programa “Poesía na Praza. Lonxa de versos” está dispoñible nas canles oficiais do Concello de Pontevedra.

Captura de pantalla 2025 09 17 a las 13.34.17

Compartir publicación: