Anabel Gulías (concelleira de Igualdade): “É un proxecto colaborativo moi ilusionante porque nace do Consello da Muller Nova; é un exemplo de traballo en rede e un exemplo para visibilizar a causa feminista”
O deseño, produción e contidos do proxecto artístico deste paseo pola historia da arte con ollada violeta, é obra do alumnado e profesorado de once institutos da cidade e o Garaxe Hermético
A mostra De Eva a Maruxa inicia –após do seu paso este verán polo primeiro andar do Mercado– unha xira polos institutos da cidade no CIFP Montecelo, este luns, 15 de setembro, onde estará instalada ata o día 26. Será a primeira parada dunha itinerancia que rematará no mes de marzo do 2026 no IES Valle Inclán.
No medio a exposición –promovida polo Consello Municipal da Muller Nova (CMMN) de Pontevedra e a Concellería de Igualdade– poderá verse no CIFP Carlos Oroza, CPR Sagrado Corazón, os IES Luís Seoane, Torrente Ballester, A Xunqueira II, A Xunqueira I, CIFP A Xunqueira e os IES Frei Martín Sarmiento e Sánchez Cantón.
“Temos que sacar da sombra e valorar o traballo das mulleres, na arte como en tantos eidos, e reflexionar porque fomos, e aínda somos, apartadas do debate, do espazo público que nos corresponde” sinala a concelleira de Igualdade. “É un proxecto colaborativo moi ilusionante, porque nace do Consello da Muller Nova, un órgano que reactivamos neste mandato” lembra Gulías, “De Eva a Maruxa é un exemplo de traballo en rede e un exemplo para visibilizar a causa feminista”, resume a concelleira.
O deseño, produción e contidos deste proxecto artístico, deste paseo pola historia da arte desde o feminismo, é obra do alumnado e profesorado dos once centros de Secundaria citados, xunto a Escola de Banda Deseñada O Garaxe Hermético.
Son 24 paneis e 12 xogos interactivos froito do traballo realizado nas aulas durante o primeiro semestre do ano (curso 2024-2025) que fan un percorrido, cunha ollada violeta, pola relación das mulleres coa arte (pintura, escultura, ilustración, muralismo, fotografía…): como imaxe creada e como creadora.
A invisibilidade da muller, o rol das mulleres retratadas, o tratamento do corpo, as artistas que racharon teitos de cristal e as ocultas… son temáticas que emerxen nunha mostra na que hai espazo para render homenaxe a artistas galegas pioneiras e contemporáneas e para obras versionadas de pintoras como Artemisa Gentileschi, Angelica Kauffman, Frida Kahlo ou Maruxa Mallo. De Eva a Maruxa reivindica o dereito das mulleres artistas a ocupar o espazo que lles corresponde.
ITINERANCIA
| DATAS | CENTRO |
| Do 15 ao 26 de setembro | CIFP Montecelo |
| Do 29 ao 10 de outubro | CIFP Carlos Oroza |
| Do 13 ao 24 de outubro | CPR Sagrado Corazón de Jesús |
| Do 27 de outubro ao 7 de novembro | IES Luís Seoane |
| Do 10 ao 21 de novembro | IES Torrente Ballester |
| Do 24 de novembro ao 5 de decembro | A Xunqueira II |
| Do 9 ao 19 de decembro | A Xunqueira I |
| Do 12 ao 23 de xaneiro | CIFP A Xunqueira |
| Do 26 de xaneiro ao 6 de febreiro | IES Frei Martín Sarmiento |
| Do 9 de febrero ao 27 de febreiro | IES Sánchez Cantón |
| Do 2 ao 13 de marzo | IES Valle Inclán |