A oficina de turismo municipal atendeu a máis de 37.000 visitantes de xuño a agosto, un 6% máis que en 2024 

Entre os turistas españois, os chegados desde Madrid, Andalucía e Cataluña foron os máis numerosos, e entre os estranxeiros, os orixinarios de Portugal, Francia e Italia. 

Continúan as visitas guiadas –promovidas pola empresa municipal Turismo de Pontevedra– ata o día 30 de setembro 

Milleiros de visitantes ateigaron as rúas e prazas de Pontevedra nun mes de agosto cheo de actividades lúdicas e culturais (festas, concertos, exposicións, feiras, citas deportivas,…) e encheron os espazos verdes e os roteiros de natureza que ofrece a Boa Vila, na procura dunha alternativa recreativa, saudable e que plantase cara á vaga de calor.

Ata a Oficina municipal de Turismo achegáronse  16.100 persoas en busca de información. Case oito de cada dez –14.064 en termos absolutos– tiñan orixe en España, sendo os chegados desde Madrid, Andalucía e Cataluña, os máis numerosos.

Respecto aos 2.036 estranxeiros que pasaron polo punto municipal de información turística da Boa Vila destacan os procedentes de Portugal Francia e Italia, seguidos dos de Arxentina, Reino Unido e Estados Unidos.

Nesta ocasión, os visitantes amosaron especial interese polos espazos naturais da cidade. Ademais alixeirouse a concentración de turistas en agosto para incrementarse nos outros dous meses estivais. Unha tendencia que afonda no proceso de desestacionalización do turismo local.

A  demanda de información sobre espazos naturais, culturais a festivos centrou a meirande parte das consultas atendidas na Oficina Municipal de Turismo no último mes.  A elas sumáronse as tradicionais sobre as visitas guiadas, os monumentos que visitar e o centro histórico e as relacionadas co modelo urbano e a vida na rúa.

Malia ser unha análise parcial de situación do turismo na cidade, –recolle datos só dos que se achegan á oficina–, o balance mensual da Oficina de Turismo de Pontevedra reflicten tendencias que confirman estudos como o Observatorio Urbano. Os datos dos meses de verán (xuño, xullo e agosto) reflicten un incremento dun 6,7% do número de visitantes respecto ao mesmo período do ano anterior, profundando na consolidación de Pontevedra como destino turístico de referencia de Galicia e España.

Por outra banda a Oficina municipal de Turismo estase a converter nun punto de información de referencia da axenda de actividades lúdicas e culturais da cidade para as pontevedresas e pontevedreses. En agosto atenderon a 1.800 veciños, un 68,06% máis que no mesmo mes de hai un ano.

Continúan as visitas guiadas

Continúa a programación de visitas guiadas promovidas pola empresa municipal Turismo de Pontevedra da tempada estival ata o 30 de setembro. Os roteiros teñen unha duración de 1 hora e 45 minutos.

As persoas interesadas en participar nestas visitas guiadas poden coñecer a oferta, e facer a reserva de praza, a través da web oficial da empresa turística municipal visit-pontevedra, ou de xeito presencial na oficina de turismo (praza de España s/n, esquina avda. Montero Ríos)  É desde aquí, onde parten cada día, arredor dunha guía cun recoñecible paraugas verde, de acordo ao seguinte horario:

  • Do 1 ao 14 de setembro: 11.30 e 18.30 horas (agás domingos e festivos, que terá só quenda de mañá, ás 11.30).
  • Do 15 ao 30 de setembro: 11.45 e 17.30 horas (agás domingos e festivos, que terá só a quenda das 11.45 )

O custe  da visita é de 7€, aínda que hai tarifa reducida de 5€ para persoas desempregadas, xubiladas, con discapacidade e para visitantes aloxados na cidade. Para crianzas menores de 12 anos é de balde.

Compartir publicación: