Permitirán o financiamento da actualización da infraestrutura da base de datos municipal, así como a renovación do céspede artificial do Manolo Barreiro
O alcalde e portavoz do Goberno, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta este xoves, 26 de xuño, da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. Alén dos distintos asuntos sinalados na orde do día, o rexedor quixo destacar a aprobación de dous convenios coa Deputación de Pontevedra (DEPO): a actualización da infraestrutura da base de datos municipal —142.937,83 euros — e a renovación do céspede artificial do CMF Manolo Barreiro —210.540,00 euros—.
O rexedor indicou que coa Sinatura destes dos convenios se chegará ao total de 2.344.081,39 euros, cantidade próxima aos 2.500.000 euros que a DEPO pon a disposición do Concello de Pontevedra á hora de financiar distintos proxectos e obras, segundo considere o organismo municipal.O rexedor indicou que «agardamos poder facer un futuro convenio para utilizar todos os fondos acordados coa institución provincial». «Estas son as obras recollidas para este ano 2025. En todo caso, teño que dicir que desde o ano 2019, intre no se que se comezou a subvencionar con 2,5 millóns de euros a Pontevedra, non experimentou ningún crecemento, crecemento que si se deu noutros municipios, agás Pontevedra e Vigo».
«Sempre tiñamos aportacións extraordinarias que permitían superar os tres millóns de euros, como é o tema do tríatlon ou a variante de Montecelo, pero non está a ser así», explicou.