Nace, da man do Concello, o club de lectura ‘Ler (en) Pontevedra

O primeiro encontro terá  lugar o mércores 15 de outubro ás 19.00 h na Libraría Paz da man de autora Cynthia Menéndez a partir da obra ‘Son como glaciares os barcos de aceiro’.

Montse Fajardo e Víctor Freixanes serán os protagonistas das citas programadas para novembro e decembro na Libraría Nobel e a Fundación RACC.

Xa están abertas as inscricións para estas tres primeiras datas en apuntate.pontevedra.gal

O club continuará a súa actividade no 2026 e, pendentes de data, están previstas as visitas de Xesús Constenla, Manuel Lourenzo, Sara Vila, Fina Casalderrey, Tamara Andrés ou Iria Morgade.

O edil de Cultura, Demetrio Gómez, presentou esta mañá unha nova iniciativa do Concello de Pontevedra: o club de lectura ‘Ler (en) Pontevedra’ acompañado dunha das primeiras autoras que participarán nos encontros programados, Montse Fajardo.

“O club nace na nosa cidade porque caemos na conta de que Pontevedra está presente nunha infinidade de autoras e autores e nunha infinidade de libros. É importante que as lectoras e lectores afondemos nesa marabillosa bibliografía que temos sobre a cidade para reflexionar, debater, celebrar, pensar e gozarmos entre todas e todos esta marabillosa cidade de Pontevedra. A característica máis destacada do club é que as autoras e autores, os libros, van ter algunha relación coa nosa cidade: escritoras e escritores nacidos/as en Pontevedra, que traballaron na cidade nalgún momento da súa vida, libros que acontecen ou reflexionan sobre a cidade, etc.” avanzou Demetrio.

A iniciativa contará con 3 citas nestes últimos meses do ano, nos que estarán presentes a autoras:

  • Mércores 15 de outubro, 19.00 horas Libraría Paz: encontro con Cynthia Menéndez a partir da obra: Son como glaciares os barcos de aceiro (Ed Galaxia)
  • Mércores 19 de novembro, 19.00 horas Libraría Nobel: encontro con Montse Fajardo a partir da biografía de Virxina Pereiro: A vida incerta (Ed Cumio)
  • Mércores 17 de decembro, 19.00 horas Fundación RACC: encontro con Víctor Freixanes a partir da obra: O triángulo inscrito na circunferencia (Ed Galaxia)

Montse Fajardo, protagonista do segundo encontro o 19 de novembro quixo agradecer ao Concello a oportunidade de formar parte das primeiras sesións deste club “xa que unha das partes que máis me gusta cando presento un libro é o encontro coa xente lectora. Gústame moito desta iniciativa que sexa un club que vai mudando mes a mes, que a xente decida a que encontro se anota e a cal non. Iso asegura que as persoas que asisten, leron o libro por que lle apetecía e non por imposición.

Tamén agradezo que se lle dea unha segunda vida a libros que xa teñen un tempo, como é o caso de ‘A vida incerta’. Un libro de 2019 que foi froito dunha aposta do Concello de Pontevedra pola memoria histórica con perspectiva de xénero, sufragando a investigación e a primeira edición. É importante que se lle dea visibilidade a Virxinia Pereira no Ano Castelao, a biografía de Castelao sería incompleta sen falar de Virxinia, e o libro fala moito dela pero tamén de Daniel, da súa faceta máis familiar e íntima. Tamén ten moita importancia Pontevedra porque foi o lugar onde máis tempo viviu o matrimonio. Animar a xente a que comparta con nós a lecturas e o meu agradecemento por compartir o club con Cynthia e con Freixanes, dúas persoas ás que leo e admiro”.

O edil rematou a intervención convidando ás persoas interesadas a formailizar a súa inscrición de balde para os 3 primeiros encontros no web apuntate.pontevedra.gal e avanzando que o proxecto terá continuidade en 2026. Aínda con datas pendentes de fixar, está confirmada a participación de autoras e autores como Xesús Constenla, Manuel Lourenzo, Sara Vila, Fina Casalderrey, Tamara Andrés ou Iria Morgade.

Compartir publicación: