A Batalla de Flores iniciará o seu percorrido ás 19.00h para encher de música, animación e ledicia o centro da cidade de Pontevedra. A cita, un clásico total do verán pontevedrés, realizará o seu trazado habitual —polas rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, Cobián Roffignac, Padre Amoedo e Bos Aires— perante milleiros de ollos de crianzas e adultos.
Como é costume, a Policía Local, xunto con demais corpos de seguridade cidadá, porá en marcha un dispositivo de especial de tráfico durante a celebración da mesma, cortando o tráfico ao longo de todo o trazado entre as 18.00h e as 21.00h, así como impedindo o acceso desde as distintas rúas que rematan neste.
A concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, lembra que a veciñanza afectada xa recibiu a información e o plano de mobilidade a través do habitual buzoneo. «De novo, o primeiro tramo, entre o inicio e a pasarela do tren de 12 de novembro, farase en silencio, para que as persoas con trastorno do espectro autista (TEA) poidan gozar da mesma sen problema», sinalou.
Cómpre lembrar que a Policía Local de Pontevedra solicita a colaboración cidadá para que non se estacione no percorrido da cabalgata e que se preste especial atención a sinalización vertical circunstancial que modifica o réxime normal de utilización da vía.
Nesta ocasión, a Batalla de Flores contará cun total de 8 carrozas, acompañadas de grupos e charangas musicais e de animación de rúa, coma sempre.
Consulta o mapa de mobilidade no seguinde pdf: