O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou hoxe na colocación do primeiro cartaz, elemento principal desta acción
Todos os establecementos da Boa Vila poden adherirse a esta iniciativa contactando co Concello no caso de non recibir o cartel ao longo dos vindeiros días, nos repartos que se realizarán porta a porta
‘Pontevedra con Palestina’ é o lema da nova campaña que pon en marcha este luns, 11 de agosto, o Concello de Pontevedra co obxectivo de amosar a súa solidariedade co pobo palestino e unirse ao berro mundial contra o xenocidio que está realizado Israel contra o pobo palestino.
A campaña repartirá centos de carteis polos diferentes establecementos comerciais e de hostalaría da cidade —aínda que no caso de non recibilo, pode ser solicitado ao Concello directamente—, ademais de recollerse na Oficina de Turismo da Praza do Concello ou na entrada de Michelena, 30; na hall de acceso ao Rexistro xeral.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da concelleira Anabel Gulías, participou na pegada do primeiro destes elementos nun establecemento comercial, máis concretamente no Grano de Oro, na rúa Peregrina, 41. Esta tenda xa amosara o seu apoio á Palestina a través doutro cartel no escaparate, un feito que lle chegou a ocasionar críticas por parte dunha minoría, pero que o rexedor sinala como un «acto valente».
«Os organismos internacionais están a ser excesivamente tímidos á hora de condenar e tomar medidas contra o xenocidio que se está a acometer en Palestina», indicou. «Creo que hai que avanzar e acabar con esta masacre pois é o que é. Aínda onte mataron a cinco xornalistas. A sociedade ten que rebelarse contra esta situación. Debemos ter mecanismos para paralo».
Fernández Lores explicou que a campaña ten como obxectivo colaborar co comercio local e a súa veciñanza para posicionarse contra este xenocidio. «Agradecemos que todas as persoas que queiran colaboren e amosen o seu apoio contra as accións terríbeis que se están a cometer en Palestina».
